+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

ANDRÉS GOTEIRA, MARÍA VÁZQUEZ E XÚLIO ABONJO XULGAN AS CURTAS GALEGAS E ESPAÑOLAS DO FICBUEU


O director da aclamada Dhogs e os coñecidos actores de series como Fariña áchanse hoxe en Bueu para visionar as doce obras
O director Andrés Goteira e os intérpretes María Vázquez e Xúlio Abonjo integran o xurado nacional do FICBUEU 2019, encargado de outorgar os premios ás mellores curtas galega e española nesta duodécima edición do certame. Polo primeiro compiten as seis películas da Sección Galicia R, mentres que ao segundo concorren tanto as catro obras da Sección España como os outros dous filmes estatais presentes este ano, un correspondente á Sección Internacional e outro á Experimental. Os xurados áchanse hoxe domingo en Bueu para visionar as doce curtametraxes no Centro Social do Mar.
Despois de ter realizado varias curtametraxes, Andrés Goteira escribe e dirixe Dhogs, o seu debut na longametraxe co que percorreu numerosos certames por todo o mundo. Trátase do primeiro filme rodado en galego que se estreou no Festival de Sitges e gañou 13 das 17 candidaturas ás que optaba nos Premios Mestre Mateo 2017. Na actualidade, o tamén fundador da produtora Gaitafilmes traballa na preprodución dun documental íntimo, Welcome to ma maison, e no guión da súa segunda película de ficción, A pequena variación.
María Vázquez é un rostro moi recoñecible do eido televisivo por ter participado en series como Vivir sin permiso, Fariña ou Padre Casares, mentres que no cinema traballou con grandes directores como Armendáriz en Silencio Roto ou Bollaín en Mataharis, filme polo que foi nomeada aos Goya e polo que obtivo diversos galardóns. O seu traballo tamén foi premiado en distintas edicións dos Mestre Mateo, onde resultou galardoada como Mellor Actriz polos seus papeis en O club da calceta, Mar libre e Trote. Agora vén de estrear Quien a hierro mata.
Xúlio Abonjo iniciou a súa carreira profesional no teatro como actor e mesmo escribindo e dirixindo Hendaya mon amour, galardoada nos María Casares. O seu primeiro traballo ante as cámaras foi en 1998 na curta A escapada e continuaría en diversas series da TVG coma Terra de Miranda e A vida por diante, amais de producións de ámbito estatal como Cuestión de sexo ou Fariña. No cinema participou nas curtametraxes Sen Chumbo ou Einstein-Rosen, polas que recibiu distintos premios, e longas como O lápis do carpineiro, O ano da carracha ou Os Fenómenos.

Deja un comentario