+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

REMATADA E EN FUNCIONAMENTO A PISTA DE PÁDEL DO SANTIAGUIÑO


O seu uso é totalmente gratuíto e require de inscrición previa

Xa se atopa rematada e en funcionamento a pista de pádel sita no Santiaguiño, cuxa posta en marcha se anunciaba o pasado mes de maio dende o Concello de Mos. A pista de skate que tamén inclúe a obra de recuperación de área recreativa-deportiva en Santiaguiño, será instalada e quedará operativa nos vindeiros días.

 

 

Para facer uso da pista de pádel, os interesados deben anotarse previamente (alomenos un día antes) presencial ou telefónicamente. Actualmente e ata o 2 de setembro poden facelo nas oficinas da OMIX no edificio Multiusos das Pozas (tlf. 986 33 94 04) en horario de 10.00 a 14.00 horas e a partir do 2 de setembro durante todo o día no Pavillón Óscar Pereiro (tlf. 986 33 40 70).

O disfrute da pista, totalmente gratuíto, realizarase en turnos de hora e media, sendo a primeira sesión ás 09.30 horas da mañá e a última ás 21.30 horas da tarde. O peche das instalacións deportivas é ás 23.00 horas e o horario de uso das mesmas é ininterrumpido durante toda a xornada, sen peche ao mediodía.

A obra de recuperación de área recreativa-deportiva en Santiaguiño con subministro de pistas de pádel e skate era anunciada a mediados de maio polo Concello de Mos. Obra que xa está rematada e foi subvencionada (financiándoa íntegramente), -a través dun convenio de colaboración asinado coa administración local mosense-, pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza cun importe total de 36.300 euros.

Co subministro e instalación das pistas de pádel e skate en Santiaguiño pretendíase revitalizar esta zona, recuperar unha área recreativa deportiva e poñela en valor. Deste xeito dinamizarase a zona de Santiaguiño, área de espazos ao aire libre, verdes e deportivos, que nos últimos anos está sendo obxecto de rexeneración e creación de elementos dinamizadores para a xuventude, tanto ambientais como deportivos. Coa revitalización desta zona aténdese ademais á demanda veciñal.

A parcela municipal na que se actuou con este proxecto está nun ámbito urbanizado de solo urbano nun entorno natural e de zonas verdes. A actuación encaixa ambientalmente e pon en valor a parcela municipal.

A pista de pádel ten unhas dimensións de 20 x 10 metros e a rampa para skateboard é de 140 de radio e medidas de 9 x 2,50 x 1,40 metros.

A actuación realizouse nunha parcela municipal na que existía unha pista deportiva de futbito que, con esta actuación, ve diversificado o seu uso deportivo recuperando a zona e sumándose ao xa existente circuíto deportivo de elementos de ximnasia ao aire libre, situado na zona verde que se atopa a escasos metros de distancia.

Deja un comentario