+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

A 50ª FESTA DO CARNEIRO AO ESPETO ACOLLERÁ 25 ACTIVIDADES DENDE MAÑÁ E REUNIRÁ A 3.000 PERSOAS NO XANTAR POPULAR DO DÍA 28


Dr. Queen, Efecto Pasillo, Dani Barreiro&Friends, DJ Mark Deluxe con Festa Kioto, Óscar Ibáñez e París de Noia serán algúns dos concertos

 

A 50ª Festa do Carneiro ao Espeto xa está en marcha e a súa ampla programación, con ata 25 actividades para todos os públicos nos próximos 19 días, arrancará na xornada de mañá, mércores 10, cun obradoiro para a elaboración de cremas artesáns para o verán. Todos os festexos se prolongarán ata o domingo 28 de xullo, día grande deste certame gastronómico, no que se reunirán a unhas 3.000 persoas no emblemático xantar popular na Carballeira de Santa Lucía.

O programa outorga, como é habitual, especial protagonismo ás actividades musicais e deportivas. Así, haberá concerto folk con As Cantigas de Elena e Ardentía , festival folclórico da man do grupo local de música e baile tradicional Seixebra e actuación da Banda Nova Lira os días 19, 20 e 21, respectivamente. Dentro doutros estilos, a verbena do venres 26 contará con La Dimensión e a banda tributo Dr. Queen, a noite do sábado 27 actuarán Dani Barreiro&Friends, Efecto Pasillo e DJ Mark Deluxe con Festa Kioto, mentres que a verbena de peche do domingo 28 estará amenizada por Óscar Ibañéz and Tribo e a orquestra París de Noia.

No eido deportivo, están programadas ata seis competicións diferentes, entre as que figuran o prestixioso torneo de Básquet 3X3, organizado pola Asociación Deportiva Cultural Espeto e que acada a súa 19ª edición; o Trofeo de Fútbol en formato triangular; a VII Carreira Carneiro ó Espeto da man do Clube de Atletismo +9 Moraña; ou o tradicional campionato de natación, entre outras.

Ademais, con motivo desta edición especial, cuxo montaxe vén de comezar na Carballeira de Santa Lucía coa colocación das mesas e do resto da loxística, o Concello de Moraña tamén vai realizar unha exposición fotográfica e de carteis coa historia da festa ao longo dos seus cincuenta anos. Esta mostra vaise inaugurar o vindeiro luns 15 de xullo ás 20.00 horas na Casa da Cultura e trasladarase, na fin de semana do 27 e 28 de xullo, á Praza do Concello para favorecer as visitas. O día grande da festa haberá un percorrido institucional á mesma antes do xantar.

Deja un comentario