+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

A FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA VOLVERÁ A CONXUGAR NEGOCIO E ENTRETEMENTO DO 4 AO 7 DE XUÑO DE 2020


SERÁ A 43ª EDICIÓN DESTE EMBLEMÁTICO CERTAME MULTISECTORIAL, O CAL SE CELEBRA ANUALMENTE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 4 ao 7 de xuño do próximo ano a 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e tamén os seus catro certames paralelos.

Nos vindeiros días a entidade feiral comezará a traballar no deseño desta nova cita. E farao conxugando de novo negocio e entretemento cunha fórmula que o público apoiou amplamente na súa última edición e que os expositores volveron demandar, trasladando á organización a súa satisfacción polos resultados obtidos e a idoneidade de seguir incidindo na parte máis profesional os dous primeiros días e na máis lúdica a fin de semana.

Así, ofrecerá unha proposta con gran atractivo que incluirá unha enorme área expositiva con presenza dos máis variados sectores e un amplísimo programa con actividades para todos os públicos, tanto técnicas como de lecer.

De forma paralela á 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase o XXIV Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que segue crecendo como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico, e a VII Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, a cal continúa sendo o único certame con esta temática na comunidade galega.

Ademais, como escaparates do sector turístico, celebraranse simultaneamente o X Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a VII Feira de Festas de Interese Turístico, Festur.

Unha cita que volveu medrar en 2019

A última Abanca Semana Verde de Galicia, que tivo lugar xunto aos seus certames paralelos do 6 ao 9 do pasado mes de xuño, seguiu mellorando as súas cifras. Contou con 725 expositores directos, un 6,1% máis que en 2018, que ocuparon 19.468 metros cadrados netos, un 9,3% máis, os cales sumados ao espazo empregado para as súas 200 actividades supuxo preto de 87.000 metros cadrados brutos. Os seus encontros de negocio contaron cun 16% máis de compradores alimentarios e un 6,8% máis de operadores de turismo.

 

En canto aos visitantes, foron 128.066 os rexistrados polo sistema de cámaras con software intelixente que estreou o certame nesta edición para obter cifras de asistencia máis precisas. A eles sumáronse sobre 2.000 que accederon por determinadas entradas en autobús e non puideron ser contabilizados con este sistema.

Deja un comentario