+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

A XUNTA PORÁ EN MARCHA OS TRES NOVOS XULGADOS DA CORUÑA, SANTIAGO DE COMPOSTELA E VIGO O VINDEIRO 30 DE SETEMBRO


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o anexo do antigo edificio da Audiencia Provincial, onde se ubicará o novo Xulgado de Primeira Instancia na cidade herculina

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que os tres novos xulgados da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo se porán en marcha o vindeiro 30 de setembro, despois de que o Ministerio de Xustiza comunicara a Galicia que a entrada en funcionamento podería facerse ao longo do cuarto trimestre deste ano.

Alfonso Rueda, que estivo acompañado na visita polo polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en funcións, Antonio Outeiriño; polo Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, polo xuíz decano da Coruña, Luis Merino e pola secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero, explicou que o novo Xulgado de Primeira Instancia da Coruña se ubicará no anexo do antigo edificio da Audiencia Provincial, que ten sitio para 4 xulgados e onde actualmente están xa ubicados os tres Xulgados de Primeira Instancia máis un reforzo do Social, que será trasladado ao edificio contiguo onde estaba antigamente a Audiencia.

A Xunta solicitou ao Ministerio de Xustiza que os tres novos Xulgados asignados á nosa comunidade puidesen poñerse en marcha o antes posible, dado que xa se dispoñía dos medios precisos, mobles e material informático para que puidesen empezar a traballar. Dado que o Ministerio especificaba que a posta en marcha podería facerse de xeito escalonado ao longo do cuarto trimestre, o Goberno galego, coñecedores da importancia e da urxencia para a cidadanía e para os traballadores destes novos xulgados, solicitou poder dar comezo na primeira data posible, polo que o vindeiro 30 de setembro entrarán en funcionamento.

Ademais do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, entran en funcionamento o Xulgado do Social en Santiago de Compostela, que estará situado no edificio xudicial da rúa Berlín, xunto aos 3 Xulgados do Social da capital galega; e o Xulgado do Social número 6 de Vigo, que se ubicará, de xeito provisional, no antigo edificio do xulgado bis de preferentes, á espera de que rematen as obras da nova Cidade da Xustiza na cidade.

Deja un comentario