+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CICLO ‘DE MUSICA ANTIQUA’ VOLVE AO MUSEO COA MÚSICA BARROCA DE MONTEVERDI E MARAIS


Os conxuntos Resonet e La Bellemont interpretarán os programas ‘Ardan os corazóns!’ ‘Pièces de caractère: A linguaxe da viola da gamba na Francia Barroca’ os vindeiros 18 e 26 de xullo

O ciclo ‘De Musica Antiqua’ volverá este verán ao Museo de Pontevedra coa música barroca de Monteverdi e Marais como protagonista. Os conxuntos Resonet e La Bellemont interpretarán sendos programas ‘Ardan os corazóns!’ e ‘Piéces de caractére’ os vindeiros 18 e 26 de xullo ás 20.30 horas no vestíbulo acristalado do Sexto Edificio cun obxectivo: que continente e contido vaian da man a través das salas do museo e as músicas dunha época lonxa que á vez é sorprendentemente contemporánea.

A primeira cita será o vindeiro xoves 18 de xullo, a cargo de ‘Resonet’, formado por Mercedes Hernández (soprano), Paulo González (frautas), Carlos Castro (percusións), Fernando Reyes (tiorba), e Fernando Reyes (dirección) en 1990 en Santiago de Compostela. Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa. Realizan numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios, con especial atención ás músicas de Galicia e do Camiño de Santiago, ás que dedican varias gravacións.

Nesta ocasión Resonet ofrece un programa centrado na figura de Claudio Monteverdi, autor sen o que o barroco musical e a ópera moderna -o que implica dicir a historia mesma da composición culta en Europa nos últimos 400 anos- non podería ser comprendida. Xunto coas obras deste compositor, intercalaranse breves partes instrumentais doutros autores contemporáneos do século dezasete.

O 26 de xullo tocaralle a quenda a ‘Le Bellemont’, formado polos intérpretes Sara Ruiz (viola da gamba), Rafael Muñoz (tiorba), e Laura Puerto (cravo), que acumulan máis de 10 anos de traxectoria e están afianzados como ‘ensemble’ de referencia na interpretación da música barroca francesa, xa que contan con diversas nominacións a premios internacionais.

A maior parte das obras do programa que interpretarán no Museo de Pontevedra son ‘Pièces de Caractère’: composicións independentes, de moi distinta duración e estrutura, coa principal característica de seren pezas “descriptivas” que podían retratar a unha persoa, un obxecto, unha situación, ou un estado de ánimo concreto. Algunhas lembran o son das gaitas e cornamusas, outras referéncianse no labirinto do palacio de Versalles, mais en xeral todas amosan os recursos técnicos e expresivos propios da viola da gamba “como a raíña dos instrumentos”.

Deja un comentario