+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE LAXEDO, EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DA LAMA, INICIA UNHA SERIE DE CONFERENCIAS PARA DIVULGA-LA VIDA E OBRA DO CONDE CABANELAS


A primeira charla estará protagonizada polo seu biógrafo, Xesús Franco González, e terá lugar este sábado ás 18 horas na Casa do Pobo de Covelo

A Asociación de Veciños de Laxedo, en Covelo, en colaboración co Concello da Lama, inicia unha serie de conferencias que terán como obxectivo divulgar e poñer en valor a vida e obra de Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas. A primeira delas terá como protagonista ao seu biógrafo, Xesús Franco González, e desenvolverase o sábado 17 de novembro ás 18 horas na Casa do Pobo de Covelo.

Franco González glosará a vida de Manuel Barreiro Cabanelas centrada na súa relación coa parroquia de Covelo e a súa marcha á emigración onde, co seu traballo e capacidade emprendedora, chegou a erguer a fortuna máis importante do seu tempo a través do seu enxeño, traballo e imaxinación valéndose dun xogo de azar, o popularmente coñecido como “Ou Bicho” que tanto deu que falar a principios do século XX en Brasil, país ao que emigrou de moi novo.

Manuel Barreiro foi un home que, a pesar de pertencer a unha familia moi humilde dun pobo recóndito do interior da provincia de Pontevedra converteuse nunha persoa eminentemente rica cunha gran fortuna que non tivo inconveniente en destinar a obras de caridade e asistencia social. Así, a primeira vez que se “arruinou” o Conde Cabanelas foi porque dedicou todo o seu diñeiro a socorrer aos soldados españois que regresaban derrotados e exhaustos da Guerra de Cuba o que lle mereceu a distinción real de “Conde”, recoñecemento que pola súa modestia e humildade nunca chegou a recoller nin desempeñar.

Barreiro Cabanelas construíu As Colonias, unhas escolas de verán para mozos sen recursos, colaborou economicamente coa construción do Hospital Provincial de Pontevedra e o Asilo de Anciáns e tamén foi o impulsor do primeiro proxecto de ordenación urbanística no rural galego a través do barrio de Covelo, doándolle casa e diñeiro ás parellas de mozas que decidían instalarse ou permanecer nesta parroquia da Lama.

Para falar da importancia que supuña a educación para os nosos emigrantes, Antón Costa, estudioso da educación en Galicia e profesor da Universidade de Santiago, abordará o fenómeno educativo das Colonias e das escolas unitarias postas en marcha polos nosos emigrantes. A conferencia terá lugar o vindeiro sábado 1 de decembro, ás 18 horas na Casa do Pobo de Covelo.

PIONEIRO NA ORDENACIÓN URBANÍSTICA DO RURAL GALEGO

Por outra banda, sinalar que a faceta como urbanista de Manuel Barreiro Cabanelas será afrontada polo arquitecto e paisaxista Manuel Anxo Bugallo quen será o encargado de desenrola-la seguinte conferencia que terá lugar o vindeiro sábado 15 de decembro tamén ás 18 horas.

Para rematar este ciclo de conferencias a Asociación de Veciños de Laxedo decidiu trasladar á Casa das Campás un coloquio que terá como protagonistas aos tres ponentes anteriores que afrontarán desde as súas distintas perspectivas a personalidade do Conde Cabanelas e a súa relación con Pontevedra como benfeitor do Hospital Provincial e do Asilo de Anciáns, entre outras obras froito da súa filantropía.

Deja un comentario