+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

RAFA DOMÍNGUEZ: “MOSQUERA INSULTA A INTELIXENCIA DOS PONTEVEDRESES CANDO PIDE QUE AS AMBULANCIAS VAIAN AMODO”


 

“Creo que é fácil de entender. As ambulancias teñen sirenas para avisar a outros condutores da súa presenza e así chegar antes ao hospital. Cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda”

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrouse onte perplexo tras as explicacións do concelleiro César Mosquera acerca de por que non se poden eliminar os lombos nas vías sanitarias de acceso aos hospitais. “Mosquera está a facer o ridículo cando lles di aos pontevedreses que as ambulancias teñen que ir amodo preferentemente. É un insulto á intelixencia”.

Domínguez puxo como exemplos a pacientes que sofren un infarto ou un ictus, cuxas posibilidades de supervivencia dependen da rapidez con que sexan atendidos con todos os medios dispoñibles, e tamén a enfermos que sofren os vaivéns provocados polos lombos nos seus traslados aos centros sanitarios. “Tomarlle o pelo aos pontevedreses non parece unha forma adecuada de afrontar este tema”.

O líder do Partido Popular pediu que se teña en conta a opinión dos técnicos sanitarios, médicos e enfermeiros. As principais organizacións médicas como SEMES (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias), a Valedora do Pobo ou as principais asociacións que participan no traslado de pacientes sanitarios como ASGATE defenden a necesidade de retirar os lombos das vías sanitarias.“Temos que basearnos en informes científicos, non unipersoais nin de xente que nunca estivo nunha ambulancia”.

“Creo que é fácil de entender. As ambulancias teñen sirenas para avisar a outros condutores da súa presenza e así chegar antes ao hospital. Cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda. Que non insulte a intelixencia dos profesionais que pasan horas tentando salvar e protexer a vida dos pontevedreses”, pediu Domínguez.

Existen outras formas máis adecuadas e igual de efectivas para o acougado do tráfico que evitarían poñer en perigo a pacientes e profesionais e permitirían reducir o tempo de resposta dunha ambulancia á metade. De feito, o pasado mes de outubro o Partido Popular convidou a Pontevedra a Mateo Lafragua, Premio Cidadán Ponlle Freo 2018, para analizar a incidencia dos lombos nas emerxencias sanitarias. Lafragua confirmou nun informe os prexuízos que provocan os resaltos en pacientes e profesionais da saúde, e mesmo logrou que en Euskadi retirásense os lombos no traxecto que el mesmo facía facía o hospital.

Domínguez expresou a súa confianza en que o Partido Socialista apoie a moción do Partido Popular que pide a creación de tres vías sanitarias libres de lombos no acceso a Montecelo, tal e como defendía o grupo de Agustín Fernández en outubro pasado ou no seu programa electoral de maio.

Deja un comentario