+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

XUNTA E FEGAMP AVANZAN NO ACORDO PARA FIXAR OS HORARIOS DOS ESTABLECEMENTOS, ESPECTÁCULOS PÚBLICOS E ACTIVIDADES RECREATIVAS


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuníronse hoxe co presidente da Fegamp, Alfredo García
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuníronse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, para seguir avanzando no consenso ao redor da que será a nova orde de horarios dos establecementos, espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

A nova orde de horarios fixará uns límites moi similares aos que existen na actualidade e ademais establecerá que os concellos terán a facultade de ampliar ou reducir de forma extrarordinaria eses horarios xerais, tal e como xa se establecía na nova Lei de espectáculos, que entrou en vigor o pasado ano.

Actualmente, é a Xunta a que autoriza as ampliacións extraordinarias de horario, previo informe de concello. Cando se aprobe a nova orde de horarios, e seguindo o xa establecido na Lei, os concellos serán os encargados de realizar estas autorizacións extraordinarias, de xeito que se simplificará o trámite e se outorgará esta competencia ás administracións locais, que son as mellores coñecedoras das particularidades da actividade municipal.

O obxectivo da Xunta é acadar o máximo consenso ao redor desta orde. Por iso, ademais da reunión de hoxe coa Fegamp, o futuro texto tamén se está debatendo paralelamente en dous grupos de traballo (o de espectáculos públicos e de actividades recreativas) para cerrar a orde definitiva. A previsión é que estea lista antes das festas do Nadal.

Ademais da orde de horarios que se abordou hoxe na reunión, a Xunta está a traballar tamén noutros desenvolvemento normativos relativos á Lei de espectáculos. En concreto, xa está avanzada a tramitación do proxecto de decreto do novo Catálogo de espectáculos públicos, que regula e organiza as distintas actividades e elimina categorías, como os tablaos flamencos, con escasa incidencia ou que se poden encadrar noutras tipoloxías xa existentes.

Deja un comentario