+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

A ALCALDESA DENUNCIA QUE O PSOE PRESENTE UNHA MOCIÓN SOLICITANDO MEDIDAS XA DESEÑADAS E ANUNCIADAS POLO GOBERNO A PRINCIPIOS DE ANO


 

Trátase do proxecto de eliminación to tráfico pesado das zonas urbanas residenciais, no que técnicos e Policía Local traballaron durante meses e do que se informou públicamente en febreiro

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, lamenta ter que comezar a lexislatura sacándolle os colores ao Partido Socialista de Mos e á súa voceira, Victoria Alonso, que veñen de enviar unha nota de prensa anunciando que levarán a Pleno unha moción sobre un tema xa anunciado polo goberno local fai meses.

Trátase da supresión do tráfico pesado en Puxeiros, sobre a que a Policía Local conta cun proxecto elaborado dende o pasado mes de febreiro e que fora anunciado en prensa polo Concello a principios de ano.

Durante meses a Policía Local, coa colaboración de técnicos especializados, traballou nun ambicioso proxecto de eliminación do tráfico pesado das zonas urbanas residenciais do municipio.

As zonas das que se eliminará o tránsito de vehículos pesados tales coma camións, trailers, etc. son Sanguiñeda e Puxeiros.

Arévalo explicou que o proxecto levarase a cabo durante esta nova lexislatura e informou de que non se puxo en marcha ata o de agora porque estaban acometéndose as obras do nó de Sanguiñeda e da Estrada Puxeiros-Peinador. Unha vez rematadas, xa se pode iniciar a instauración deste plan de eliminación de tráfico pesado das zonas urbanas residenciais.

Neste senso a rexedora local lamenta “o descoñecemento dos actuais membros do PSOE de Mos, que nin leron a prensa nin a web do Concello no seu día, nin se informaron cos seus compañeiros socialistas predecesores na Corporación, nin contrastaron ou se asesoraron coa propia Policía Local antes de presentar unha moción tan atrevida e coa que fan, literalmente, o ridículo”. E insta ao PSOE e á súa voceira, Victoria Alonso, a que se absteñan de presentar ao Pleno do Concello de Mos mocións sobre medidas xa realizadas.

Detalles do proxecto

Na parroquia de Sanguiñeda actuarase en catro tramos, a Avenida de Sanguiñeda, o tramo que vai desde a rotonda do Costilleta ata a rotonda das Angustias sentidos ascendente e descendente, a rúa Areas que vai cara ó supermercado Día; e o tramo desde As Angustias ao supermercado Mercadona; e na zona de Puxeiros actuarase na rúa Ludeiro e na propia Avenida de Puxeiros.

Pola zona de Sanguiñeda, segundo estimacións da Policía Local, pasan diariamente unha media de 1.000 vehículos dos cales sobre 100 son pesados, é dicir, un 10% do total.

E pola zona de Puxeiros, a Policía Local de Mos fai un cálculo de paso de tránsito rodado duns 9.000 vehículos ó día, dos que 1.800 son vehículos pesados, o que representa unha porcentaxe do 20%.

Arévalo, rexedora local, e Gerardo Álvarez, Xefe da Policía Local de Mos, explicaron sobre este proxecto que “se tratou dun traballo arduo e complexo, de ahí que se prolongase durante meses, porque son zonas cunha elevada actividade empresarial, moitas empresas asentadas ás que hai que darlle alternativas de paso para o transporte que leva e trae mercadorías, producto e materias primas ás mesmas. Non se pode deixar ás empresas sen acceso e servizos, pero ao mesmo tempo a necesidade existente de eliminar o tráfico pesado destas tres zonas é acuciante, de ahí o labor intenso e pormenorizado que se está a facer valorando pros, contras, posibilidades, alternativas… todo para regular o máis óptimamente posible o tránsito rodado e que as medidas adoitadas repercutan en moito na mellora da calidade de vida dos nos nosos veciños e veciñas”.

A existencia dos polígonos industriais da Portela, Rebullón e Monte Faquiña na zona de Puxeiros fai especialmente delicado o traballo, ao requerir dunha complexa reorganización do tráfico (só ata o alto de Puxeiros se desprazan diariamente entre 2.000 e 3.000 persoas a traballar, estudar, mercar, facer xestións… etc.).

Deja un comentario