+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O “PICNIC POP” DE “VIVE NIGRÁN” QUENTA MOTORES PARA ENCHER DE MÚSICA E GASTRONOMÍA O VAL MIÑOR NA SEGUNDA CITA DOS #FESTIVAISRÍASBAIXAS


Vive Nigrán collerá o 19 e 20 de xullo a testemuña de PortAmérica nos #RíasBaixasFests e ofrecerá máis música, máis gastronomía e novas actividades

Carmela Silva destacou que “en pouco tempo este festival consolidouse,integrado na nosa marca que desde fai cinco anos nos sitúa no mapa dos grandes circuítos”

Música, gastronomía, obradoiros infantís, novas actividades acuáticas con bautismos de kayak e surf, ou unha travesía en catamarán ata ás Illas Cíes con concerto e tapas a bordo, son so algunhas das citas que ofrecerá este ano o Festival “Vive Nigrán”, integrado na marca “RíasBaixasFests, o circuíto que agrupa aos sete grandes festivais do verán na provincia, que promove a Deputación de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva asistiu hoxe en Praia América, xunto a Monte Lourido, á presentación desta terceira edición do Festival que se desenvolverá na fin de semana do 19 e 20 de xullo.

A presidenta da Deputación lembrou “a grande idea do alcalde Juan González fai tres anos de que Nigrán tivese un festival potente e de calidade” e felicitou igualmente á organización por “arriscados e valentes que conseguiron consolidar este evento”. Carmela Silva recordou que a maior parte do turismo que ven a provincia “non so busca sol e praia senón ocio e cultura, polo que os Festivais Rías Baixas xa son unha marca propia que pon á provincia no mapa dos grandes circuítos”. A presidenta provincial confirmou que a Deputación, como no resto dos festivais, terá en Vive Nigrán unha carpa propia de igualdade para previr o acoso e as agresións sexuais coa campaña “Eu decido, ti respectas“, e outra da campaña “Experiencias Sostibles” que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos, “unha campaña fundamental, dixo Silva, porque millóns de toneladas de plásticos están a destruír o planeta”.

Este ano en Vive Nigrán repetirase a excelente combinación de boa música, gastronomía, lecer, ambiente familiar e un paradisíaco emprazamento “a 20 metros do mar”, como lembrou o promotor Juan Rivas. O Director do certame subliñou que a gran novidade do cartel dos concertos será Novedades Carminha, xunto a Ángel Stanich, As Chillers, Hidrogenesse, Meneo, Delafé, Os Nastys, Os Vinagres, Monterrosa ou Adriana Proenza entre outras bandas. Amais, haberá obradoiros e actividades para todos os públicos aínda que este ano hai que destacar a travesía en catamarán con música e tapas a bordo que terá lugar o xoves 18 de xullo, e o sábado haberá entrada gratuíta ata as 18.00 horas. A gastronomía, con produtos da terra, será novamente protagonista, aínda que combinará as tapas de deseño coa tradicional presenza de pulpeiros.

O alcalde de Nigrán, Juan González, uniuse aos bos desexos desta cita, “aínda que sabemos que vai ser un auténtico éxito”, e deu “a benvida a todas e todos os que veñan a Nigrán porque este festival é único porque cando remata a xente sae feliz dun lugar que, amais, é irrepetible”

Deja un comentario