+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA ADXUDICA AS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PROGRAMA “CONECTADAS 2019” PARA 260 ENTIDADES DE 53 CONCELLOS DA PROVINCIA


Ao redor de 4.000 persoas participarán nesta iniciativa que busca promover a participación e o empoderamento das mulleres

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación das accións formativas do programa Conectadas 2019, co que 260 entidades pertencentes a 53 concellos da provincia, o que supón ao redor de 4.000 persoas, participarán nesta iniciativa da institución provincial que busca promover a participación e o empoderamento das mulleres.

Máis polo miúdo, as actividades máis solicitadas son as de pilates, ximnasia de mantemento, cociña e alimentación, hábitos saudables, risoterapia, alfabetización dixital II (internet e correo electrónico), ioga, artesanía en coiro, conservación de alimentos, conservas artesanais, iniciación a costura, teatro, iniciación ao patchwork ou horta ecolóxica, entre outros. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Ademais, impartirase un módulo obrigatorio de sensibilización na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. En cada un dos obradoiros, que terán unha duración mínima de 35 horas, poderán participar un mínimo de 15 persoas.

“Conectadas 2019”, que conta cun orzamento de 324.000 euros, trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.

Deja un comentario