+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O DIRECTOR DO MUSEO, CONVIDADO A UNHA MISIÓN INTERNACIONAL DE EXPERTOS SOBRE ARTE RUPESTRE EN GEORGIA


Jose Manuel Rey reunirase co primeiro ministro de Cultura e participará como relator nunhas xornadas de traballo para achegar propostas de xestión para os achados georgianos

O director do Museo de Pontevedra, Jose Manuel Rey, participará a vindeira semana –entre o luns 15 e o sábado 21- nunha misión internacional de expertos sobre arte rupestre que acudirán a Georgia para expoñer diferentes modelos de xestión e posta en valor de sitios de arte rupestre. Rey foi convidado pola Axencia Nacional Para a Preservación do Patrimonio Cultural de Georgia, pertencente ao Ministerio de Cultura, directamente polo director xeral de Patrimonio Cultura, Nikolov Antidze.

O obxectivo da misión internacional é aportar coñecemento sobre musealizacións e aplicalo a diversos xacementos do país georgiano, fundamentalmente os petroglifos ‘Trialeti’. Así dende o goberno de Georgia teñen previsto realizar varias visitas de traballo a escavacións e sitios, reunións técnicas e políticas (incluso ao máis alto nivel co primeiro ministro Mikkheilk Giorgardze), e unhas xornadas de dous días tituladas ‘Arte Prehistórico en Europa-Georgia: dende o sitio aos usos turísticos’.

Para a escolla dos relatores, o goberno georgiano solicitou á Asociación ‘Caminos de Arte Rupestre Prehistórico’ que seleccionase un grupo de especialistas para asesoramento, designando esta representantes de diferentes países e institucións pertententes á agrupación, entre eles Jose Manuel Rey e tamén técnicos do Museo de Altamira e da área de arqueoloxía en Extremadura, así como a persoal responsable de diferentes sitios en Portugal e Azerbaijan.

O relatorio de Jose Manuel Rey, titulado ‘Metodoloxía e experiencias ao longo de Europa no proceso de socialización dos sitios de arte prehistórica’, abordará de forma específica diferentes modelos e actuacións de musealización e posta en valor de sitios con arte rupestre, facendo unha reflexión ou prontuario sobre cara a onde deben ir no día de hoxe os achados ao aire libre xunto con algunhas propostas derivadas de experiencias concretas. Neste sentido, Rey falará de algúns sitios xestionados non só en Pontevedra, Galicia ou o resto de todo o estado, senón tamén facendo referencias a propostas desenvolvidas en Noruega, Francia ou Italia, entre outras.

Segundo explica o propio Rey este evento internacional servirá para reforzar os lazos de cooperación técnica en materia de Patrimonio Cultural entre os países que forman parte do Itinerario Cultural Europeo.

Deja un comentario