+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

A XUNTA ADXUDICA AS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA PO-552, NOS CONCELLOS DE NIGRÁN E BAIONA, POR UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 318.000 EUROS


Esta intervención, cun prazo de execución duns 6 meses, consistirá na eliminación dun treito de concentración de accidentes no tramo da estrada entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440
A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento de máis de 318.000 euros.
Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, ten un prazo de execución duns 6 meses.
Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440.
Os traballos consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.
Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans.
Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e se reordenará a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera.
Ademais executaranse tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. Instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na Avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.
Cómpre destacar que a Xunta ten incorporado a este proxecto as achegas dos veciños desta contorna. Así, por exemplo, no outono, en paralelo a esta obra, se vai acometer unha mellora de seguridade para peóns na intersección da PO-552 co ramal da AG-57, de modo que se facilite o tránsito polas marxes da vía e se facilite o cruce.
Ademais, seguindo a petición dos veciños, a glorieta do punto quilométrico 12+350, na intersección coa rúa Valle Inclán, vaise axustar na súa execución para reducir a afección, de xeito que non interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras.
Estas obras están enmarcadas na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.

Deja un comentario