+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

UN GRUPO DE MOZAS E MOZOS REALIZA TRABALLOS DE LIMPEZA DA RÍA DE AROUSA DENTRO DAS ACCIÓNS DE VERÁN DA XUNTA DE GALICIA


Entre as persoas voluntarias que axudan a conservar esta contorna mariña hai tres persoas procedentes de Francia e dúas da República Checa

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe as dúas accións da Campaña de Verán que a Xunta de Galicia está a desenvolver no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa. Trátanse do campamento xuvenil de actividades no mar que ten lugar no albergue das Sinas e o campo de voluntariado internacional Natureza e patrimonio xunto ao mar.

No que atinxe ao campo de voluntariado, un grupo de 19 persoas, procedentes de varias comunidades autónomas e do estranxeiro -tres son de Francia e dúas da República Checa-, saen en navegacións pola ría de Arousa para retirar microplásticos, latas, redes de fibra e todo tipo de desperdicios. Ademais, realizan tarefas de recuperación arquitectónica mariñeira da Insuiña ca limpeza e destape da pedra e do roce do espazo anexo, e tamén se ocupan de catalogar puntos de interese turístico na zona. Tamén desfrutan de actividades náuticas e na natureza coo snorkel, kaiak ou sendeirismo e programan visitas e excursións ao Museo do Mar do Grove, ao Centro de interpretación do Siradella e aos portos pesqueiros e deportivos de Vilanova de Arousa.

Cristina Pichel destacou que os campos de voluntariado son unha oportunidade para que as mozas e mozos se implique en accións de voluntariado coas que achegan o seu grao de area para a conservación do medio ambiente e a posta en valor do noso patrimonio.

Así mesmo recordou que estes campos forman parte das actividades da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, 5 delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Praia e deportes náuticos
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén visitou aos 120 nenas e nenos de 14 a 15 anos que maña poñen fin a dez xornadas de convivencia e diversión no albergue xuvenil das Sinas. Esta instalación acollerá durante este mes e o que vén a 600 rapaces e rapazas ao abeiro da Campaña de Verán da Xunta.

Todos eles desfrutarán dunha ampla e variada programación que inclúe vela, táboa, piragua, kaiak polo, introdución á pesca, windsurf, snorkel ou paddle surf, entre outras actividades vinculadas aos deportes no mar e na praia.

Este campamento no albergue das Sinas é un dos 21 que se realizan ao abeiro da actual Campaña de Verán. Destes, tres son novos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

Deja un comentario