+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E FADEMUR ASINAN UN NOVO CONVENIO PARA LOITAR CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS


 

O goberno de Carmela Silva colaborará co proxecto “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais. Formando en igualdade para previr a violencia de xénero”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de asinar o convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) para a realización do proxecto “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais. Formando en igualdade para previr a violencia de xénero”. En total, a institución provincial destina 10.000 euros a esta iniciativa que pretende achegar ás escolas do ámbito rural actividades relacionadas coa igualdade e contribuír coa visibilización da violencia de xénero.

Máis polo miúdo, con este proxecto deseñaranse campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización co obxectivo de xerar as actitudes necesarias para, desde a infancia, adoptar comportamentos máis igualitarios e menos tolerantes con todo tipo de violencias. Para levar a cabo esta acción, achegaranse ás mozas e mozos ferramentas para comprender, identificar e actuar ante situacións violentas e, tamén, para traballar o concepto de igualdade desde a perspectiva de xénero. Amais, vanse desenvolver accións formativas presenciais atendendo ás distintas idades e niveis de formación. O proxecto, financiado pola Deputación, está dirixido á rapazada da provincia de Pontevedra menor de 16 anos, especialmente dos núcleos rurais máis pequenos co obxectivo de traballar coas crianzas para construír valores de igualdade que permitan a erradicación das violencias machistas da sociedade, atendendo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que establece a necesidade de trazar actuacións específicas no rural.

Fademur é unha organización progresista que loita pola visibilización do papel das mulleres no medio rural, apostando pola igualdade e o progreso das mesmas como ferramenta fundamental de integración e mellora da súa posición na sociedade. A asociación agrupa en Galicia a 57 entidades de mulleres rurais.

Pontevedra, 14 de xullo de 2019
Saúdos
Gabinete de Prensa

 

Deja un comentario