+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

35 CONCELLOS DA PROVINCIA PARTICIPARÁN NO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN “TECENDO LAZOS 2019” CO OBXECTIVO DE PROMOVER ENCONTROS INTERXERACIONAIS


A iniciativa, dirixida a persoas de entre 6 e 99 anos, busca acadar estratexias para o encontro, a sensibilización e o intercambio de aprendizaxes e valores entre xeracións

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a solicitude de adhesión de 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes ao programa “Tecendo Lazos 2019”, ao que a institución provincial destina este ano 59.455,76 euros. Esta iniciativa, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, está dirixida a persoas de todas as xeracións co obxectivo de, precisamente, crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. A Deputación tamén busca promover valores que creen lazos afectivos entre elas e que así, os máis pequenos e pequenas adquiran habilidades novas e empatía cara a outras xeracións e, para as maiores, facilitarlles un envellecemento activo e san.

Máis polo miúdo, o obradoiro máis solicitado, cun total de 11 peticións, foi “Risos en familia”, que busca crear un espazo no que as persoas participantes aprendan a rir en contornas familiares. Pola súa banda, a acción “Faino ti”, que é un taller de expresión plástica e traballo manual con obxectos reciclados e reutilizados, foi solicitado por 10 concellos. No caso de “Xogos e xoguetes tradicionais”, un total de 8 concellos solicitaron este obradoiro no que non só compartirán xogos tradicionais cos que xogaban as máis maiores, senón que deberán construílos e ao contrario: as cativas e cativos tamén lle poderán ensinar ás xeracións maiores os xoguetes cos que xogan agora. Por último, 6 concellos da provincia solicitaron “O noso son: bailes de agora e de sempre”, que traerá á actualidade os bailes e cancións típicas da zona.

Ao igual que na pasada edición, os obradoiros contarán co módulo “A historia do meu concello” no que se darán a coñecer lendas, historias, contos ou fotografías de cada concello para promover a transmisión de coñecementos, por unha banda, e a participación conxunta, pola outra. As persoas participantes de cada obradoiro elaborarán un proxecto final no que plasmarán todo o que aprenderon sobre a súa vila. Poderán ser en formato dossier, vídeo, audio ou maqueta/mural. Das 16 horas de duración dos obradoiros, dedicaránselle a este módulo un mínimo de 4. A Deputación organizará un concurso entre todos estes traballos e as persoas que elaboren o gañador recibirán un agasallo institucional e 50 copias da súa obra.

“Tecendo Lazos 2019”, dirixido a persoas que teñan entre 6 e 99 anos, chegará aos concellos de Poio, Ponte Caldelas, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, A Lama, Vilaboa, Valga, Barro, Portas, Moraña, Gondomar, Vila de Cruces, Forcarei, Bueu, A Illa de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, A Guarda, Pontecesures, Salceda de Caselas, A Cañiza, Caldas de Reis, Moaña, Cuntis, Covelo, Meis, Rodeiro, O Rosal, Baiona, Silleda, Ribadumia, O Porriño e Nigrán.

Deja un comentario