+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ENVÓRCASE COA VILA DA GUARDA NO XIV ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS


 

Música, exposicións, cantería ou sustentabilidade no mar formaron parte do amplo abano de actividades que a institución provincial desenvolveu no recinto que visitaron máis de 4.000 persoas cada día

Exposicións, concertos, cantería ou a mostra que reflicte o relevante papel das mulleres na sustentabilidade do mar foron so algunhas das actividades coas que a Deputación de Pontevedra envorcouse estes días coa vila da Guarda no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que, organizado por Culturmar, comezou o pasado xoves e prolongouse ata este domingo.

A deputada Victoria Alonso, acompañada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e dos presidentes de Culturmar e do Piueiro, visitou hoxe o recinto achegándose ás dúas exposicións que a Deputación de Pontevedra achegou ao Encontro: “Vento Nas Velas”, a mostra fotográfica itinerante de Xurxo Lobato que estará ata o día 30 no porto da Guarda, e “Achegas das Mulleres á sustentabilidade do Mar”. Esta exposición, promovida pola Deputación e pola UVigo, que foi unha das máis visitadas no recinto, ten como obxectivo darlle visibilidade ao papel das mulleres no mar, onde levan traballando dende sempre pero nunca cun papel relevante, sempre ocultas e baixo o protagonismo masculino. A mostra está composta por vídeos e fotografías de mulleres como redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, mulleres salgando ou conservando, ou mulleres científicas, moitas delas inéditas.

Victoria Alonso, que a partir do pleno organizativo do próximo martes farase cargo da área de Cultura, puxo en valor “un encontro como este que quere concienciar ao público sobre a necesidade de salvagardar o noso patrimonio cultural e natural, en especial as embarcacións tradicionais e a cultura marítima”. A deputada incidiu en “que se a algo está ligada esta provincia é ao mar e á cultura mariñeira e se queremos mirar cara adiante non debemos esquecer o que fomos e seguimos a ser: un pobo mariñeiro, cunha tradición que debemos impulsar e poñer en valor, conservala e salvagardala, para que as xeracións futuras comprendan as súas orixes”.

No marco deste Encontro de Embarcacións Tradicionais, a Deputación tamén trasladou á Guarda unha carpa con material da Escola de Cantería na que se ofreceron demostracións en directo dos mestres e mestras do traballo en pedra. Amais, desde á área de Cultura, a institución provincial colaborou coa música e concertos que estes días amenizaron o programa. Ao través do programa Musigal, A Guarda contou na noite deste sábado coa actuación de Andrea Pousa xunto a súa banda, e co concerto do Orfeón do Berbés e Xurxo Souto, no marco da exposición Vento nas Velas.

 

Deja un comentario