+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

AS CÍES SERÁN O LABORATORIO DE PROBAS DUN PROXECTO PIONEIRO SOBRE MACROALGAS PARA MELLORAR A XESTIÓN DAS ÁREAS MARIÑAS 


 

 

Dous grupos de investigadores da Universidade de Vigo colaborarán co Parque Nacional ata xaneiro de 2020 no desenvolvemento do proxecto ‘Alganat2000’

Os hábitats mariños das Illas Cíes serán o laboratorio de probas natural para experimentar e levar a cabo o traballo de campo do proxecto Alganat2000, unha investigación pioneira a cargo dun equipo científico da Universidade de Vigo (UVigo) e que centra o seu estudo en cinco especies de macroalgas co fin de garantir a xestión sustentable e conservar a biodiversidade en áreas mariñas protexidas nas que se desenvolve unha actividade pesqueira.

Detrás desta iniciativa atópanse 11 investigadores de dous grupos dos departamentos de Ecoloxía e Bioloxía Animal (dependente da Facultade de Bioloxía) e de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (da Escola de Enxeñaría Forestal), que contarán para desenvolver o proxecto co apoio loxístico e a colaboración de persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O obxectivo principal de Alganat é aportar unha ferramenta xeoespacial, innovadora e de baixo custo para facer unha cartografía e monitorización periódica das macroalgas presentes no medio mariño, así como do seu estado fisiolóxico. A importancia desta novidosa técnica reside en que permitirá reducir os custos das mostraxes de campo ao pasar dos actuais operativos in situ, que precisan mobilizar moitos recursos tanto humanos como económicos, a outros de tipo remoto e baseados na teledetección.

Aínda que o proxecto se desenvolve de forma piloto no Parque Nacional e máis concretamente, nas Cíes, as técnicas xeoespaciais que se deseñen baixo o seu paraugas así como a plataforma informática que lles dará apoio tamén poderán ser aplicables a outras áreas mariñas, protexidas ou non.

Ademais, Alganat tamén permitirá incrementar o coñecemento científico-técnico que se ten das áreas mariñas e facilitar a transferencia de resultados tanto ao sector pesqueiro como a outros organismos públicos encargados da xestión destes espazos co fin de potenciar unha pesca sustentable.

Cómpre lembrar que as macroalgas cumpren unha función clave na captación do carbono e proporcionan ademais o seu hábitat a numerosas especies mariñas, incluíndo aquelas de interese comercial, de aí a importancia de dispoñer de información periódica sobre o seu estado fisiolóxico e abundancia nos hábitats intermareais. Así, cómpre lembrar que debido á súa composición bioquímica, as algas utilízanse para a produción, entre outros produtos, de antibióticos, cosméticos, fertilizantes e bioindicadores.

Financiamento, duración e reparto do traballo
A parte de estudo, seguimento e todo o traballo técnico para desenvolver esta ferramenta xeoespacial automatizada para monitorizar e cartografar os hábitats intermareais correrá a cargo dos dous grupos de investigadores da UVigo; mentres que o persoal do PN das Illas Atlánticas atenderá as necesidades loxísticas dos investigadores e serviralles de apoio ao seu traballo experimental sobre o terreo, ao tempo que organizará actividades de transferencia como un taller de formación dirixido ao sector pesqueiro e a xestores administrativos ou un obradoiro de carácter práctico para presentar a ferramenta.

Cunha duración estimada dun ano e un orzamento total próximo aos 200.000 euros, Alganat2000 está financiado con fondos públicos nun 75% a través do programa PLEAMAR, no que colabora a Fundación Biodiversidade. O proxecto arrancou oficialmente o pasado febreiro, coa análise e avaliación da información e o deseño de casos piloto para a realización do traballo de campo. Nestes momentos, a investigación céntrase xa na parte práctica, coa cuantificación e avaliación do estado fisiolóxico in situ de cinco especies de macroalgas presentes nas áreas mariñas das Cíes, utilizando para elo cuadrículas de 50×50 centímetros.

O proxecto tamén prevé o emprego de drons, grazas aos cales o ámbito de estudo estenderase a áreas maiores. Así mesmo, nunha fase posterior procederase á adquisición, calibrado e procesamento de imaxes de satélite que permitan analizar xa de xeito automático os datos das macroalgas. A partir da combinación das imaxes satelitais e das obtidas desde vehículos aéreos non tripulados, os investigadores agardan desenvolver unha metodoloxía baseada en técnicas xeoespaciais, automatizada e innovadora, que permita facer unha xestión máis sustentable das áreas mariñas.

Ademais, o Parque Nacional comezará a organizar este mes as primeiras actividades de transferencia previstas entre os obxectivos do proxecto. Así, o vindeiro mércores 18 de xullo celebrarase na Casa da Navegación de Baiona (Pontevedra) un taller formativo orientado ao sector pesqueiro e no que expertos afondarán no papel das algas como base da cadea trófica e a problemática á que se enfrontan no actual escenario de cambio climático, o que fai máis necesario ca nunca monitorizar a súa abundancia e estado fisiolóxico mediante a aplicación de técnicas rápidas, efectivas e cun baixo custo.

Deja un comentario