+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS ÚLTIMOS TRABALLOS DA ROLDA LESTE OBRIGAN A DESVIAR O TRÁFICO DA ESTRADA A PONTE CALDELAS


A construtora comeza mañá pola mañá os traballos de substitución de servizos e pavimentado da nova glorieta de acceso a Montecelo

Estase a instalar a sinalización vertical e o de alumeado de toda a vía

Os últimos traballos da rolda leste de Pontevedra obrigarán a desviar o tráfico da estrada de Ponte Caldelas (PO-532) dende mañá pola mañá. Os vehículos deberán circular a través dun treito da glorieta de nova construción na intersección coa vía a Montecelo para deixar libre o ramal vello e acometer nel a substitución de servizos e o pavimentado do resto da rotonda.

Nestes momentos a construtora adxudicataria da obra, Coviastec SL, está en prorroga do contrato executando de forma paralela os traballos de alumeado e sinalización de toda a vía, así como os bordos das beirarrúas. De xeito inminente estenderase a última capa de aglomerado para despois proceder ao pintado da sinalización horizontal. Xa está operativa a glorieta central na intersección con Pedra do Lagarto e tamén finalizada a senda peonil e ciclista.

A nova rolda leste ten unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas.

O proxecto tivo que superar diferentes atrancos administrativos dende a súa concepción. En 2013 Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración, no 2014 realizouse a redacción do proxecto, e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, sen embargo, tivo que ser rescindida por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía o traslado de torres de alta e media tensión nin as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia. Finalmente, en decembro de 2017 reiniciouse a licitación e a obra comezou en agosto de 2018.

Deja un comentario