+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

O CONCELLO REMATA A MELLORA DOS ACCESOS VIARIO E PEONIL Á PONTE COLGANTE E Á PRAIA FLUVIAL DE CALVELO


Dotouse de nova pavimentación á estrada ata a zona do aparcadoiro e subministrouse de áridos compactados ao paseo ata a contorna

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar o proxecto de mellora dos accesos á ponte colgante e á praia fluvial de Calvelo, na parroquia de Tenorio, que consistíu nunha actuación integral centrada tanto na rede viaria como na senda peonil deste espazo, un dos máis bonitos e visitados do municipio, especialmente durante os meses de verán. Con motivo da súa conclusión, o alcalde, Jorge Cubela, desprazouse ata a zona para supervisar o seu resultado final.

As obras consistiron na dotación dunha nova pavimentación na estrada de acceso ata a zona do aparcadoiro e no subministro de terra e áridos compactados no paseo descendente que conduce cara a ponte co obxectivo de favorecer a accesibilidade ao mesmo de veciños e visitantes.

Deste xeito, estas tarefas veñen de completar o proxecto de mellora integral desta contorna, xa que previamente procedeuse á rexeneración e dotación de area da praia e á realización de desbroces manuais e outras labores de limpeza nos espazos destinados aos merendeiros.

“Vimos de acometer diversas actuacións en toda a zona da ponte colgante de Calvelo para deixar este emblemático espazo e todos os seus accesos nas mellores condicións, xa que cremos que é moi importante que así sexa tendo en conta que é un dos principais puntos turísticos do noso concello e que recibe a milleiros de persoas cada ano”, detallou Cubela.

Polo demais, esta obra enmárcase no paquete de actuacións que o Concello de Cerdedo- Cotobade está a desenvolver nas últimas semanas na área de vías e infraestruturas e que ten a punto de concluir unha decena de proxectos en Carballedo, Famelga, Tenorio, Viascón, Cutián, Loureiro e Rebordelo. “Temos acabados ou case, aproveitando a boa climatoloxía dos últimos tempos, traballos de pavimentación, mellora de accesos, cunetas e desbroces en ata sete parroquias e, tan pronto como se rematen, pasaremos aos seguintes porque nunca paramos para atender as necesidades dos veciños”, concluiu o alcalde.

Deja un comentario