+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

A EGAP INCREMENTARÁ A FORMACIÓN DIRIXIDA AO PERSOAL EMPREGADO PÚBLICO EN MATERIA DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


A directora da EGAP informou hoxe ao Consello Reitor sobre as actividades levadas a cabo na escola en 2019 e anunciou as liñas de actuación para o segundo semestre de 2019 e 2020
Esta mañá reuniuse en Santiago de Compostela o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, no que a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos, presentou un informe sobre as actividades levadas a cabo por este organismo entre xaneiro e xullo.

Ademais, durante a reunión a directora da EGAP presentou as liñas de actuación para os próximos meses. Así, destacou iniciativas coma o incremento da formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero -área na que anunciou unha nova convocatoria en 2019 de 17 cursos para o persoal empregado público- ou a posta en marcha de novas actividades dirixidas a consolidar a administración electrónica en Galicia. Neste senso, e ao abeiro da iniciativa denominada Universo EGAP innova, está previsto desenvolver sesións exclusivamente prácticas sobre materias concretas no ámbito da administración dixital (sede electrónica, facturación, contratación ou certificado dixital) que serán complementadas con comunidades de práctica e vídeo titoriais.

Por outra banda, a directora do organismo tamén deu conta das actividades organizadas nos primeiros seis meses de 2019. Durante este período a Escola convocou un total de 596 actividades formativas que sumaron case 30.000 prazas destinadas tanto aos empregados públicos das diferentes administracións galegas como á sociedade en xeral. Dentro delas, 258 edicións formativas foron destinadas exclusivamente ao persoal da Administración autonómica e da Administracións institucional e entes instrumentais e outras 33 ao persoal da Administración de xustiza.

Na presentación do informe a directora da EGAP tamén destacou as 8.400 prazas do programa de autoformación, os 47 cursos e 1.750 prazas en materia de idiomas e as 38 edicións e 1.900 prazas do Plan formativo ofimático de Galicia.

Sonia Rodríguez-Campos tamén quixo resaltar a formación ofrecida ao persoal da Administración local que se realiza a través de dúas vías: directamente pola Escola ou a través de subvencións. De xeito directo a EGAP convocou no que vai de 2019 un total de 28 cursos e 1.320 prazas destinadas a este colectivo. No relativo ás subvencións, van permitir poñer en marcha un total de oito plans formativos deseñados especificamente polas entidades locais para o seu persoal.

A continuación, Sonia Rodríguez-Campos anunciou aos membros do consello as novidades editoriais da Escola -dando conta dos últimos números publicados da Regap e de Administración&Cidadanía- e da convocatoria da XXII edición do Premio Manuel Colmeiro, co fin de fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia.

As xornadas e os cursos monográficos da EGAP
Durante a presentación do informe a directora tamén destacou a convocatoria regular de xornadas e cursos monográficos relativos a temas de relevancia para a Administración pública e abertos a toda a cidadanía. De entre estas actividades destacou o Curso monográfico sobre o patrimonio cultural como instrumento de desenvolvemento sustentable e de relevancia turística –que recibiu preto de 250 solicitudes de matrícula-, a xornada sobre xestión do tempo e produtividade ou o Curso monográfico sobre Dereito TIC e compliance.

Finalmente, anticipou aos membros do Consello Reitor as actividades que se levarán a cabo dentro desta categoría formativa nos próximos meses, resaltando o Curso superior de administración electrónica ou o Curso monográfico sobre detección e intervención ante a violencia machista nos centros de maiores.

Deja un comentario