+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

FEIJÓO ANUNCIA QUE O CONSELLO DA XUNTA APROBARÁ ESTE MES O PROXECTO SECTORIAL DO HOSPITAL MONTECELO E AGARDA QUE A ESTACIÓN INTERMODAL DE PONTEVEDRA ESTEA COMPLETADA A FINAIS DE 2020


Destaca que a ampliación do Hospital Montecelo se licitará a finais de ano cun orzamento de máis de 100 M€ e estima que a súa execución comece en 2020
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobará o proxecto sectorial da ampliación do Hospital Montecelo este mesmo mes. Ademais, destacou que a obra se licitará a finais de ano cun orzamento de máis de 100 millóns de euros e estima que a execución da obra comece no 2020.

Así mesmo, destacou que a Xunta ten un compromiso coa Sanidade Pública en toda Galicia e nomeadamente en Pontevedra coa apertura do novo centro de saúde da Parda e cos equipamentos tecnolóxicos no Montecelo por máis de 2,6 millóns de euros.

Despois destas melloras, Feijóo subliñou que a ampliación do Montecelo supón dar un paso para un novo hospital con novos servizos, como a radioterapia, a UCI pediátrica e a medicina nuclear e achegará comodidade aos pacientes con novas camas, que nun 60% serán individuais. O presidente destacou que é un proxecto que non ten marcha atrás e que nesta lexislatura quedará definitivamente comprometido. O obxectivo é entregar un novo edificio de hospitalización e adecuar despois as fases para remodelar a parte antiga do Montecelo para poder entregar un hospital novo. Tamén agradeceu a disposición do Concello polo convenio asinado para dar servizo.

Na liña dos servizos fundamentais dos galegos, na reunión abordouse a nova residencia de maiores que a Xunta prevé construír en Pontevedra e en cada unha das sete cidades galegas. O presidente da Xunta destacou que se executará nunha parcela no barrio da Parda que puxo á disposición o Concello para facer posible a residencia, que albergará 120 prazas cun investimento previsto de 10 millóns de euros. E salientou que a Xunta está traballando no anteproxecto e que se prevé licitala este ano.

Sobre a petición do Concello de trasladar o Punto de Mediación Familiar aseverou que, aínda que o Goberno galego non detectou problemas, a Administración autonómica estudará esta posibilidade se o Concello pon á disposición outro local.

No eido das políticas sociais lembrou que o Goberno galego xa dotou á cidade dun novo centro de día para persoas con Alzhéimer con 40 prazas e que desde 2009 se duplicaron as prazas públicas de garderías.

Durante a súa intervención Feijóo destacou que está rematado o novo edificio Benito Corbal, cun investimento de case 4,5 millóns de euros que se inaugurou o mes pasado e esta mesma semana xa se entregaron as instalacións reservadas para asociacións da zona. Con respecto ás obras do edificio xudicial da Parda, cun investimento de 20 millóns de euros, avanzou que está previsto rematalas este mesmo mes. Esta infraestrutura albergará 28 xulgados, 17 salas de vistas, un arquivo e 240 prazas de garaxe.

Pola súa banda, noutro servizo fundamental como é a Educación Pública, destacou que a Xunta investiu desde 2009 oito millóns de euros para garantir as mellores condicións nos centros. No tocante á ampliación do centro de FP Carlos Oroza, subliñou que a terceira fase de ampliación se licitará este mesmo ano cun importe de 400.000 euros.

No que respecta ao saneamento da ría, o titular do Goberno galego destacou que a Xunta leva investidos desde 2009 máis de 44 millóns de euros. De feito, hai dous proxectos en marcha: a obra de mellora integral da depuradora de Praceres, licitada en marzo por 15 millóns de euros; e tamén a previsión de construír un novo emisario submariño, cuxo anteproxecto está sometido a información pública por 10 millóns de euros.

Nesta mesma liña, con respecto ao dragado do Lérez, o presidente destacou que está a seguir o curso habitual deste tipo de obras cumprindo escrupulosamente todos os pasos das normativas medioambientais. Ademais, aseverou que o punto de vertido será o que estableza a Administración do Estado.

Tamén destacou, xa no capítulo de infraestruturas, o compromiso coa variante de Alba e resaltou o consenso acadado, xa que finalmente se construirá con 2 carrís tal e como pedía o Concello. Neste senso, resaltou que o proxecto está sometido a información pública e se prevé que a finais de 2019 estea listo o proxecto construtivo para poder licitar a primeira fase –cun orzamento de 8 millóns de euros– no primeiro trimestre de 2020. Deses 8 millóns de euros, aproximadamente medio millón destinaranse á senda que se construirá en paralelo á nova estrada e permitirá o tránsito seguro dos peregrinos que pasan por esta zona.

Sobre as melloras de seguridade na estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, Feijóo lembrou que a Xunta está realizando varias actuacións: a xa rematada mellora da Ponte da Barca, por un importe de 1,2 millóns de euros; e a mellora do acceso ao polígono de Sequeiros. E tamén destacou que está en execución a rotonda na Devesa. Neste senso, subliñou que a seguridade viaria seguirá mellorándose nesta estrada.

Con respecto á petición do Concello dunha nova senda no entorno do río Gafos, o presidente destaca que, aínda que non forma parte do Plan de Sendas, trasladará á Consellería de Infraestruturas a petición e estudarase se se pode priorizar esta senda e cofinanciala.

No relacionado coa mobilidade, destacan os avances para a estación intermodal que se estrutura en dúas partes: a mellora da conexión entre estacións e a mellora da estación de autobuses. Este mesmo mes licitáronse as obras para mellorar a conexión entre ambas estacións, cun importe de arredor de 3,5 millóns de euros e un prazo de execución estimado de 9 meses; e o pasado marzo licitáronse as obras para mellorar a estación de autobuses, con 2,4 millóns de euros de investimento e un prazo de execución aproximado de 12 meses. Feijóo agarda que a estación intermodal de Pontevedra sexa a primeira en estar completada a finais de 2020.

E tamén no eido da mobilidade o presidente da Xunta trasladou de novo ao alcalde que é o momento de que o Concello cumpra coas súas competencias e faga unha verdadeira aposta polo transporte público, para o que garantiu colaboración e diálogo da Administración autonómica. A este respecto, Feijóo explicou que se as liñas interurbanas da Xunta se empregan para prestar servizos de transporte urbano en Pontevedra, o Concello deberá cofinancialas. Ademais, informou de que o Plan de transporte público de Galicia xa prevé a utilización de taxis para a prestación de servizos baixo demanda no rural.

Para concluír o presidente da Xunta reiterou o compromiso co pavillón de ximnasia deportiva para o que estaban consignados nos orzamentos dos últimos anos medio millón de euros pendentes de executar á espera de que o Goberno local facilitara os terreos. Indicou que cando haxa proxecto se fará un convenio para cofinanciar esta demanda e solicitou ao alcalde que o futuro pavillón poida ser empregado polo Centro de Tecnificación, petición que o rexedor aceptou.

Ademais, solicitou ao rexedor pontevedrés a súa colaboración para o vindeiro Xacobeo 2021 porque é o Xacobeo de Galicia. E salientou que o obxectivo é ter unha programación descentralizada e lembrou que esta mesma semana se presentará o Plan Estratéxico.

Feijóo destacou a cordialidade coa que se desenvolveu a xuntanza e subliñou que nesta lexislatura todos os proxectos comprometidos con Pontevedra estarán executados ou en execución. Do mesmo xeito, sinalou que todos estes proxectos supoñen un investimento directo por parte da Xunta de máis de 200 millóns de euros. Trátase de “avances históricos con investimentos históricos”.

Deja un comentario