+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

O CONCELLO DE SOUTOMAIOR RENOVARÁ TODA A ILUMINACIÓN PÚBLICA DA N-550 AO SEU PASO POR ARCADE


Substituiranse 59 puntos de luz por uns novos con tecnoloxía LED que supoñerán un aforro do 58% anual para as arcas municipais

A na asinou recentemente un novo convenio coa Deputación de Pontevedra para a renovación da iluminación pública co que se acometerá a substitución de todos os puntos de luz da estrada nacional 550 ao seu paso por Arcade. A mellora renovará os 59 puntos de luz actuais por outros máis modernos de tecnoloxía led, o que supoñerá un considerable aforro para o Concello.
O aforro estimado tras a renovación dos 59 puntos de luz é do 58%, pasando dos 54.159 kWh de consumo actual aos 22.927 previstos. Isto supón un aforro de case 3.000 euros anuais para as arcas municipais, que pasarán dos 4.971 euros ao ano nesa zona a 2.078. Este aforro supón que o investimento realizado está amortizado ao 100% en menos de 10 anos, un prazo moi inferior ao tempo de vida estimado para as luminarias con esta tecnoloxía. Ademais, este descenso do consumo supón unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 16,2 toneladas ao ano desta molécula.
A mellora ten un orzamento de 44.618 euros que serán financiados principalmente con fondos europeos, un total de 35.694 euros, e o convenio asinado entre o Concello de Soutomaior e a Deputación de Pontevedra dentro do seu programa “Iluminación Sustentable III”.
A nova iluminación LED, ademais de adaptarse ás novas normativas europeas de eficiencia enerxética, aumenta considerablemente a sensación de luminosidade, que se multiplica por tres en relación coas luminarias halóxenas anteriores, mellorando así a iluminación en toda a calzada durante o horario nocturno.
Ademais de ser máis eficientes, as novas luminarias LED tamén descenden notablemente a contaminación lumínica, principalmente nas vivendas próximas aos farois, xa que unha das vantaxes da tecnoloxía LED é que concentra o foco de luz sobre unha zona moi definida, algo que non lograban as antigas, permitindo que, ademais do aforro enerxético, os beneficios desta actuación tamén supoñan unha mellora para a seguridade viaria de peóns e condutores garantindo unhas óptimas condicións de visibilidade.
Con esta actuación o Concello de Soutomaior continua adiante co seu Plan de renovación da iluminación pública e a través do cal, durante o últimos catro anos renovou máis de 100 luminarias en barrios como O Calvario, A montesiña e Arcade de Riba, supoñendo un aforro total de máis 6.000 euros anuais para as arcas municipais.

Deja un comentario