+034 986 09 02 04 Venres 23 de Agosto de 2019

A EGAP ACOLLE O VII CONGRESO SOBRE PREVENCIÓN E REPRESIÓN DO BRANQUEO DE DIÑEIRO


O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na inauguración do Congreso

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na inauguración do VII Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro que ten lugar na Escola Galega de Administración Pública, onde indicou a necesidade de atallar o risco de penetración nalgúns sectores do sistema financeiro por parte das organizacións criminais.

Juan José Martín afirmou que un dos instrumentos máis eficaces na loita contra as organizacións e grupos criminais é a incautación dos seus bens e ganancias. As reformas operadas no Código penal permiten facer máis eficaz a recuperación de activos derivados da actividade delituosa. O Ministerio de Xustiza creou a Oficina de Recuperación e Xestión de Activos, de ámbito estatal, permitindo así aos xuíces e tribunais, ordenar o comiso de bens e efectos procedentes doutras actividades delituosas, sempre que existan indicios obxectivos fundados da orixe ilícita dos efectos comisados.

Lembrou que o Goberno galego ten asinado coa Fundación Galega contra o Narcotráfico un
convenio de colaboración para impulsar a xestión eficaz dos bens comisados en delitos de narcotráfico na nosa comunidade que ten entre as súas principais vantaxes o retorno social dos bens incautados, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais, municipios e forzas de seguridade.

Ademais, mediante este convenio permitese manter a disposición dos xulgados galegos un servizo especializado na xestión, depósito e venda anticipada dos bens mobles incautados ao narcotráfico e delitos conexos. Sen dúbida, unha ferramenta de importante utilidade deseñada para axudar ás para as unidades xudiciais e forzas de seguridade nunhas tarefas alleas ao seu labor que ata a data se vían obrigadas a asumir, dedicando importantes cantidades de tempo e recursos.

Finalmente, Juan José Martín indicou que o Servizo de Xestión de Bens Comisados coordinado pola Fundación Galega contra ou Narcotráfico en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña permite lograr unha óptima xestión dos bens mobles incautados, evitando a súa depreciación e facilitando a venda anticipada dos mesmos.

Deja un comentario