+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

CORINA PORRO APOSTA NA SÚA PRIMEIRA VISITA A UN CONCELLO COMO DELEGADA DA XUNTA POR UN MUNICIPIO CON OUTRA MULLER COMO ALCALDESA


Porro reuniuse con Nidia Arévalo e co seu equipo de goberno para facer un repaso dos grandes proxectos para Mos que dependen da Xunta de Galicia

 

A nova Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, iniciou hoxe en Mos a súa rolda de visitas aos concellos dependentes da súa delegación, apostando por un municipio gobernado por outra muller, Nidia Arévalo.

Porro reuniuse coa rexedora local mosense e membros do equipo de goberno local no salón de sesións, onde asinou o Libro de Ouro do Concello.

Durante a xuntanza as representantes autonómica e local fixeron repaso dos grandes proxectos para Mos que dependen da Xunta de Galicia, entre os que se atoparon a acometida do saneamento necesario para acadar o saneamento integral do municipio e que se divide en dous proxectos, a humanización da rúa Segundo Pampillón na parroquia de Sanguiñeda, o proxecto de conxunto escultórico no Camiño de Santiago (previsto para A Rúa, na parroquia de Mos) e un posible Plan HURBE para desenvolver a humanización de Torroso-pasarela cun Plan Integral que abarque todo o contorno do Centro Dotacional de Torroso, comunicándoo coa Igrexa de San Mamede e o antigo centro.

Ademais a alcaldesa, Nidia Arévalo, trasladoulle a Corina Porro outras “necesidades de importancia capital para Mos como son o proxecto de Residencia de Maiores no Rebullón que centrou a miña campaña electoral, a intermediación con Fomento para acometer un acceso directo ao Polígono da Veigadaña dende a A-55 por Amieirolongo, seguir a potenciar o Camiño de Santiago ao seu paso por Mos, a acometida de diversas humanizacións coas que mellorar diferentes contornas do municipio e, por suposto, seguir traballando polo fomento do emprego para poder continuar a reducir cada ano a taxa do paro en Mos”.

Pola súa banda, a Delegada da Xunta destacou “a importancia da colaboración institucional entre administracións, porque é o único e o mellor xeito de traballar polo progreso e polo ben común dos cidadáns. Algo que Nidia Arévalo entende moi ben e o leva tamén á práctica para que Mos pioda avanzar”. E comprometeuse “a que sexan estudados en profundidade todos e cada un dos temas que hoxe me plantexou a alcaldesa con especial insistencia nalgúns asuntos a resaltar como son as melloras en diferentes zonas do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Mos, a atención ás persoas maiores -que requiren de fórmulas intelixentes para dar solucións en prazos breves de tempo-, e a solución á A-55, que é un tema clave para o crecemento e o desenvolvemento de Mos ao que hai que dar resposta xa”. Sobre todo elo Porro asegurou que “imos avanzar e imos avanzar rápido”.

Deja un comentario