+034 986 09 02 04 Luns 18 de Novembro de 2019

O CONCELLO ARRANCA O VERÁN CULTURAL 2019 CO CONCERTO DE COMANDO FOUCELLAS EN CERDEDO


As seis primeiras iniciativas desenvolveranse en Cerdedo neste mes para impulsar as festas e as seguintes serán en Carballedo en agosto

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de presentar a programación do Verán Cultural e Deportivo 2019, que arrancará este sábado co concerto de Comando Foucellas na Praza do Concello de Cerdedo e que contará con máis de vinte iniciativas espalladas entre o que resta de xullo e agosto. O alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro veñen de dar a coñecer todas as actividades iniciais, que se desenvolverán no territorio de Cerdedo ao longo da parte final deste mes para impulsar aínda máis as festas patronais do Ecce Homo, fixadas entre os días 26 e 28.
O comezo do Verán Cultural terá lugar este sábado ás 22.00 horas co concerto-espectáculo de Comando Foucellas que, ao igual que todas as demais actividades, será gratuíto.
A continuación, haberá animación coa peza “Merenda con pan de millo” a cargo da compañía Migallas o domingo 21 ás 19.30 horas na Praza do Concello; sesión de cine coa película “Como adestrar ao teu dragón 3” o martes 23 ás 19.30 horas no Centro Cultural de Cerdedo; Festa da Bicicleta o mércores 24 con saída ás 19.00 horas no cruce de Loureiro; e animación con “Llilla e Fifo” o venres 26 ás 19.30 horas no Centro Cultural de Cerdedo.
Así mesmo, o día 25, festivo en toda Galicia, haberá unha gran Festa d@Nen@ dende as 17.00 horas na praia fluvial que contará con inchables normais e de auga, obradoiros, xogos variados, festa da escuma, animación e música.
Tras esta programación, o Verán Cultural terá continuidade, xa no mes de agosto, no territorio de Cotobade coa meirande das actividades centradas en Carballedo para favorecer a asistencia pola súa centralidade xeográfica. En concreto, haberá unha quincena de iniciativas que tamén servirán para impulsar e dotar de ambiente as datas previas das súas festas.

Deja un comentario