+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

A EGAP INICIA A TRANSFORMACIÓN DAS SÚAS REVISTAS AO FORMATO DIXITAL


A EGAP estreará nas próximas semanas un novo formato electrónico para as súas revistas que fará posible mellorar a súa catalogación nas principais bases de datos de publicacións científicas
Esta tarde reuníronse na EGAP os membros do consello de redacción da Revista Galega de Administración Pública (Regap), publicación dirixida por Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar o contido do próximo número, o código ético e de boas prácticas e anunciar as modificacións que sufrirán as revistas da Escola de cara á súa transformación a un formato dixital. Todos estes cambios teñen como finalidade non só facer máis accesibles os contidos á cidadanía, senón tamén mellorar a súa catalogación nas principais bases de datos de publicacións científicas.

Neste senso, o código ético e de boas prácticas, dirixido aos principais axentes involucrados na publicación de artigos científicos nas ditas revistas, garantirá que os artigos enviados sexan avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido, amosando deste xeito o compromiso da Escola coa imparcialidade na xestión dos traballos propostos e o respecto á independencia intelectual dos autores.

Finalmente, os membros do consello de redacción aprobaron os contidos do número 57 da Regap que incluirá entre as súas páxinas varios estudos sobre temas tan actuais en torno ao sector público coma a xurisdición contencioso-administrativa tras vinte anos de vixencia da Lei 29/1998, o réxime xurídico da denuncia, indefensión do denunciante e interpretación do dereito pola Administración pública, ou as políticas de fomento das administracións públicas ante o despoboamento e o reto demográfico.

Deja un comentario