+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O PP SOLICITARÁ AO PLENO APROBAR UNHA BAIXADA DE SALARIOS DE TODA A CORPORACIÓN PARA SEGUIR NA LIÑA DA RECUPERACIÓN ECONÓMICA E NON VOLVER AO MALGASTO


Villar propón que o incremento salarial do 60% que aprobou o alcalde Represas non se materialice por ser un aumento “abusivo e que roza a indecencia”

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas rexistrou unha moción para debater no próximo pleno e tentar que non se faga efectiva a subida salarial do 60% que o alcalde Represas aprobou como primeira medida do seu Goberno.

A edil popular, Belén Villar, lembrou que “Represas dicía ‘ Agora ven ou mellor’ , o que non dixo aos veciños no seu programa electoral é que era o mellor para os seus, e que a súa primeira medida como alcalde sería bater o récord en gasto de Goberno, aprobando cun custo total de máis de 300.000 euros ao ano, ao subir o soldo dos concelleiros nun 60%”.

Villar lembrou que, “o BNG caracterízase por pedir baixadas salariais inxustificadas cando está na oposición e realizar subidas salariais aos seus cando goberna”.

Os populares avogan por manter a senda da recuperación económica investindo ese diñeiro en emprego ou outras medidas e non volver ao malgasto. “Estamos a falar dun Concello que fai seis anos estaba ao bordo da quebra, que non podía case pagar nóminas. Tivemos que traballar moito para solucionar o malgaste de gobernos anteriores para que agora Represas tire todo de novo pola borda. Nótase que non foi partícipe desa recuperación, dese traballo, porque entón non tiraría tan alegremente o diñeiro”.

Os populares, que xa votaron en contra da aprobación desta medida do alcalde, esixen na súa moción volver ás remuneracións e dedicacións do mandato anterior. Así os salarios do Goberno pasarían de 180.000 euros brutos a 113.400 euros, máis seguridade social. O custo da oposición de 40.000 euros a 31.500 euros, máis seguridade social. As asistencias, polas que tamén cobra o alcalde, pasarían de 110 euros a 66 no caso das Xuntas de Goberno, de 75 euros a 44 as comisións informativas e os plenos de 140 a 105 euros. Tamén o custo por grupo político, por grupo solicitan unha baixada de 300 a 200 euros ao mes. Por concelleiro de 75 a 50 euros. «Non só pedimos reducir o gasto do Goberno senón tamén da oposición, que se manteña como ata agora».

Os populares consideran que a subida de salarios que Represas realizou en 2015 xa normalizou a situación por entón e que a efectuada agora en 2019 é “abusiva e roza a indecencia». «É innecesaria xa que o Concello segue sendo o mesmo e moitos servizos privatizáronse. Non podemos dicirlles aos traballadores municipais que non hai diñeiro para as súas nóminas, que os seus soldos teñen que subir de forma escalada e reducida e doutra banda que os políticos percibamos un aumento dun 60% inmediato. A clase política ten que dar exemplo e non malgastar o diñeiro dos seus veciños e contribuíntes en subir os ingresos do seu alcalde e concelleiros”, sentenciou Villar.

Deja un comentario