+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

 BUEU CONVERTERASE NA CAPITAL DA ARTE EFÉMERA DO 26 AO 28 DE XULLO


Está confirmada a presenza de delegacións internacionais que realizarán deseños inspirándose no intercambio cultural entre pobos
Delegacións de todo o mundo participarán no Encontro Internacional de Arte Efémera que se celebrará en Bueu do 26 ao 28 de xullo. Organizado pola Comisión Xestora Internacional de Arte Efémera, a Asociación Cultural das Alfombras de Bueu, o Concello e a Deputación de Pontevedra, este encontro ten como fonte de inspiración temática a unión entre os camiños que existen en todos os lugares do mundo e que fomentan o intercambio cultural. Así o salientou esta mañá Xosé Leal, concelleiro de cultura, durante a rolda de prensa celebrada na Praza Massó (xunto á fonte cibernética) onde membros da Asociación confeccionaron un tapiz identificativo do evento.
No encontro, que leva por título “O camiño das estrelas ao seu paso por Bueu”, está confirmada a presenza de delegacións da India, Malta (Illa de Gozo), tres de Italia (Noto, Camaiore e Torricella) dúas de Portugal (Belinho e Viana do Castelo) e unha do país alemán. Tamén asistirán a Federación Catalana de Catiffaires, outra de Carrión de los Condes (Palencia), Ponteareas, Rianxo, Burela, Cangas, Moaña e Bueu.
O evento contará con obradoiros de alfombrismo, que se impartirán o 26 pola mañá, e que versarán sobre o aproveitamento de materiais vexetais e técnicas da India na confección dos tapices. Ese día pola tarde programarase a proxección dun documental sobre as alfombras de serrín de Camaiore, comezando cara á noite coa confección das mesmas. Ademais das actividades organizadas para as delegacións, o salón de plenos da Casa Consistorial acollerá o 28 ás 12.00 h, un acto de recibimento oficial aos/ás alfombristas con intercambio de agasallos institucionais.
Ademais, segundo avanzou Xosé Leal, o 25 de xullo, festividade de Santiago, membros da asociación realizarán unha alfombra en Ermelo na que se reflectirá o espírito de unión entre Compostela e a aldea bueuesa.

Deja un comentario