+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O REVITALIZA CHEGA AOS OBRADOIROS DE PONTEVERÁN EN PONTEVEDRA


As 60 rapazas e rapaces participantes nas actividades da Aula de natureza e interpretación do Concello aprenderon hoxe sobre compostaxe e visitaron o composteiro comunitario da Facultade de Forestais

O Plan Revitaliza da Deputación chegou hoxe a un dos obradoiros de Ponteverán do Concello de Pontevedra. As 15 crianzas de entre 8 e 12 anos que participan na actual quenda da ‘Aula de natureza e interpretación’ aprenderon hoxe grazas a un mestre e unha mestra composteiras da institución provincial en que consiste a compostaxe e visitaron o composteiro comunitario que dá servizo ao comedor da Facultade de Forestais no campus universitario da Xunqueira.

A xornada comezou cunha explicación sobre os residuos en xeral nas aulas do Pazo da Cultura. Alí reflexionaron sobre se natureza existen residuos e os tipos de lixo que xera o ser humano. Posteriormente fíxose unha descrición sobre os residuos orgánicos e como se poden tratar, poñendo sobre a mesa a alternativa de seren recollidos nun quinto colector ou tratados en composteiros comunitarios ou individuais, apostando polo criterio de proximidade.

A seguinte parte da explicación estivo centrada no proceso da compostaxe en si, e na importancia da temperatura ou a existencia de microfaua dentro do composteiro que acelera a produción do compost. De seguido os rapaces comprobaron in situ o importante papel dos mestres e mestras composteiros que controlan todos os pasos, e tamén a importancia de que as persoas usuarias dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) realicen unha boa separación dos orgánicos en orixe para que todo o que chegue aos CCC sexa material apropiado.

Todas esas cuestións teóricas foron despois comprobadas no composteiro da cafetería da Facultade de Forestais dentro do campus de A Xunqueira. Na súa contorna os e as rapazas tomaron a súa merenda e tiraron no composteiro os restos de comida, tapáronos co estruturante (material leñoso imprescindible para a compostaxe), e viron como o mestre e a mestra composteira medían a temperatura do material cun termómetro, como o remexían para airealo e como, nunha última fase do proceso, o material resultante de misturar os residuos orgánicos das comidas e o estruturante se convertían nunha emenda natural.

De feito, a rapazada participante nos obradoiros de Ponteverán incluso se atreveu a peneirar parte do compost para levalo para a casa. A anécdota e o máis destacado por parte das e dos nenos, unha vez máis, estivo na observación da microfauna presente no composteiro (miñocas e cápsulas de moscas soldado) que axudan na compostaxe e é totalmente inocua, inofensiva e non molesta.

En total serán 60 rapaces e rapazas as que participarán nestes obradoiros do Revitaliza no Ponteverán 2019 en tres quendas. Nelas realizarán actividades ambientais e lúdicas de todo tipo nas contornas naturais e monumentais do municipio, con actividades na natureza e aumentando os seus coñecementos sobre o bosque, o mar, o río e a cidade.

Deja un comentario