+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

UNHA DELEGACIÓN LIBIA VISITA GALICIA PARA COÑECER OS AVANCES EN PESCA E ACUICULTURA NO MARCO DUN PROXECTO EUROPEO


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, a secretaria xeral de Mar, María Isabel Concheiro, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, reuníronse hoxe con eles

Unha delegación Libia remata hoxe unha visita por Galicia que tivo como obxectivo coñecer os avances en materia de pesca e acuicultura e afondar na transmisión de coñecemento e de experiencias nos distintos aspectos desta actividade. O proxecto forma parte da Iniciativa de Nicosia, impulsada polo Comité Europeo das Rexións (CdR).

A visita comezou o pasado día 17 e rematou hoxe, co acto de peche institucional no que participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, a secretaria xeral de Mar, María Isabel Concheiro, e a delegada da xunta en Vigo, Corina Porro. Tamén participaron no acto o presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, e o presidente do Parlamento de Friuli-Venezia Giulia, Piero Mauro Zanin.

Na reunión de hoxe púxose de relevo a importancia socioeconómica do mar de Galicia, onde a cadea extractiva e de mar-industria xera un volume de ingresos de máis de 8.850 millóns anuais. De feito, a súa influencia económica esténdese sobre 64 das 81 ramas de actividade económica galega. A Xunta tamén expuxo aos libios que Galicia representa máis do 50% do emprego marítimo pesqueiro de España e do 10% da Unión Europea e o importante papel da frota costeira artesanal que representa case o 90% das embarcacións con base en Galicia.

A importancia do marisqueo a pé foi outro dos asuntos destacados, un eido no que a comunidade galega xera case 3.800 empregos e move unha facturación de máis de 30 millóns de euros. Ademais Galicia tamén puxo en valor o potencial da acuicultura do mexillón que se traduce no 96% da produción de España e o do sector da conserva, que representa o 84% da produción española.

Durante os días anteriores, a delegación -formada por 11 persoas, entre alcaldes e responsables e expertos en pesca e acuicultura- coñeceu diversos centros e instalacións relacionados coa pesca e o marisqueo na área de Vigo. Así, entre outras actividades participaron en charlas explicativas, visitaron varias lonxas, e achegáronse ata o INTECMAR e a empresas como Fandicosta.

Esta visita constitúe a primeira actividade que se leva a cabo no marco deste proxecto, no que tamén participa a rexión autónoma italiana de Friuli-Venezia Giulia.

Iniciativa de Nicosia
A Iniciativa de Nicosia foi impulsada polo CdR para promover unha relación estreita con varias rexións e cidades libias. O obxectivo é contribuír á mellora dos servizos públicos do país, elevar as condicións de vida da cidadanía e axudar aos seus entes rexionais e locais a acceder á comunidade internacional. Tamén se pretende contribuír á estabilización de Libia, nun momento no que a axitación política e inseguridade dificultan a cooperación co país.

Esta iniciativa do Comité Europeo das Rexións ten o apoio político e financeiro do Servizo Europeo de Acción Exterior e da DG NEAR (Dirección Xeral de Política de Veciñanza e Negociacións de Ampliación) da Comisión Europea, a través do Instrumento para a Administración Pública da UE para Libia.

Na Iniciativa de Nicosia están involucradas varias rexións e cidades da Unión Europea como Murcia, Amberes (Bélxica), Vila Real (Portugal), Nicosia (Chipre), Flandes (Bélxica), ou a rexión autónoma de Friuli-Venezia Giulia (Italia). Esta última colabora activamente co proxecto PATH-DEV Pilot Action in Fishery Sector for Libya Economic Development (Acción piloto do sector da pesca para o desenvolvemento económico de Libia), financiado polo Ministerio do Interior italiano, co apoio operativo e de xestión de INFORMEST A esta acción foi á que se sumou Galicia, con esta primeira visita que se celebrou estes días.

Deja un comentario