+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

MORAÑA EMPRENDE UN PROXECTO DE ALUMEADO PÚBLICO EFICIENTE COA SUBSTITUCIÓN DE 190 LUMINARIAS POR UNHAS DE BAIXO CONSUMO


O Concello de Moraña vai emprender un proxecto de alumeado público eficiente e sostible que consiste na renovación de 190 luminarias, substituíndo as actuais por outras de baixo consumo, e na implantación de sistemas e programas que permitirán acadar un aforro enerxético de en torno ao 50%.
Esta actuación centrarase no recambio dos actuais puntos de luz por outros de tecnoloxía Led –o que permitirá reducir o consumo malia gañar en luminosidade–, a substitución dos actuais balastros eletromagnéticos por uns electrónicos, a implantación de reloxios astronómicos que permitirán controlar os horarios de acendido e a posta en marcha de sistemas de pre-programación das luminarias.
Deste xeito, e máis aló de contar cun funcionamento máis preciso no eido horario, conseguirase que as 190 novas luminarias reduzan a súa potencia, e polo tanto o seu consumo, de 16,40 a só 8,11 kilovatios.
Este proxecto vai beneficiar inicialmente aos lugares de Corrigatos, Suigrexa, a zona da igrexa de San Salvador de Saiáns, Torre de Abaixo, O Outeiro, O Castriño, A Picota e Ruibal.
En total, vanse investir 92.582 euros nesta iniciativa de iluminación exterior sostible, do que o 80% vai ser financiado cos fondos europeos Feder, que aportarán 74.066. A contía restante vai ser sufragada polo Concello de Moraña (11.016 euros) e pola Deputación de Pontevedra (7.500), que xa veñen de asinar o correspondente convenio de colaboración para a súa execución e cuxa contratación vai ser asumida polo organismo provincial.
“Cremos que se trata dun proxecto moi interesante porque afecta a moitos aspectos que nos importan como goberno local, xa que vaise mellorar a iluminación, vaise reducir o consumo e a factura eléctrica municipal e vaise coidar o medio ambiente cos sistemas máis modernos e eficientes”, detallou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.

Deja un comentario