+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS MIL PANOS DA IDENTIDADE GALEGA


O Museo de Pontevedra acolle ata o 1 de setembro unha mostra con máis dun cento de tecidos habituais na Galiza de finais do século XIX e primeiros do XX

O traballo inspirador da exposición obtivo o primeiro premio nos XXIV Premios de Investigación do Traxe Galego Antón Fraguas 2018

A exposición ‘Galicia, a terra dos mil panos’ amosa dende hoxe no Museo de Pontevedra unha escolma de máis dun cento de tecidos e panos que se empregaban habitualmente na vestimenta galega de finais do século XIX e primeiros do XX. Trátase dun percorrido por diferentes tipos, tamaños, materias primas, adornos, técnicas de bordado e estampaxe coas que se enfeitaba a indumentaria tradicional.

Na inauguración, presidida polo vicepresidente da Deputación César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey destacou a longa traxectoria do colectivo Sete Espadelas –un dos promotores da iniciativa- recollendo, estudando e investigando os panos utilizados na Galiza entre os séculos XIX e XX. Destacou ademais o nivel da mostra, xa que o traballo que serviu de inspiración foi merecedor do primeiro premio nos XXIV Premios de Investigación do Traxe Galego Antón Fraguas 2018.

“Unha das misións do Museo de Pontevedra é a de producir un programa de exposicións temporais con miradas e lecturas diferentes sobre as manifestación diversas do noso patrimonio cultural, e esta é unha exposición que ilustra perfectamente esta necesidade de investigar para dar a coñecer un elemento tradicional que forma parte inequívoca da nosa identidade”, salientou.

Segundo Rey, ‘Galicia, a terra dos mil panos’ supón unha valorización dos diferentes panos antigos cunha escolma de pezas moi sinxelas, de seda, “espléndidos panos de Manila”, ou incluso as caixas nas que se gardaban, acompañada de fotografías de diversos arquivos e exemplos de xoiería popular que completaba a vestimenta tradicional.

O director do Museo subliñou que a exposición foi producida nun tempo “verdadeiramente récord” e agradeceu aos comisarios José Luis Rodríguez e David Quiñones -e por extensión á asociación etnográfica Sete Espadelas- a súa boa dirección e dedicación ao proxecto. Tamén fixo referencia ás persoas e institucións que facilitaron materiais e que axudaron a que se enriquecera a mostra, en concreto a Josefina Novo e Ana Santos, así como a todo o persoal do Museo pola súa profesionalidade.

90 traxes reproducidos de xeito fidedigno
O comisario da exposición José Luis Rodríguez aproveitou a súa intervención para dar as grazas á Deputación e ao Museo de Pontevedra por permitirnos presentar “esta escolma de panos importante para nós”. Subliñou que foi difícil facela xa que aínda que os fondos da asociación agora mesmo son importantes, a mostra xorde dunha colección formada nun principio pola unión doutras dúas coleccións particulares que despois se foi ampliando con outras achegas dos socios.

Segundo explicou Rodríguez, no Museo poden admirarse 90 traxes tradicionais galegos fidedignamente reproducidos, pero tamén outras pezas de incalculable valor, así como ourivería antiga tradicional galega, sendo o punto álxido os mantóns ou panos para corpo ou cabeza.

A sala na que se reparten as pezas está dividida en tres sectores. O primeiro é o dos panos decotío que usaban as mulleres cando facían unha visita á vila para ir a un avogado ou facer unha xestión. Son mantóns simples para cubrir e de tecidos simples en función da época do ano, e que se levaban no pescozo sobre o corpiño, o que permitía ter os brazos libres para o traballo e tamén para dar o peito aos cativos de xeito sinxelo. Non faltan os panos de loito, que formaba parte do día a día non só por morte, senón tamén o “loito de vivos” que, como xa cantara Rosalía, era o que usaba a muller cando o seu home estaba ausente na emigración ou embarcado.

Na segunda sección está a parte máis vistosa e de máis gala, con dous tipos de mantóns, uns que miden 3,5 metros de longo por 1,5 de mancho, coñecidos como mantóns de oito puntas ou Paislei que se fixeron moito en Escocia por utilizárense para cubrir as crinolinas dos traxes victorianos. Cando as galegas descubriron eses mantóns utilizáronos dobrados cruzados sobre o peito deixando as oito puntas vistas por detrás, de aí o seu nome.

Outra parte espectacular son os mantóns de Manila que se bordaban na provincia Cantón e despois pasaban a unha grande feira en Filipinas, onde embarcaban no galeón de Manila ata Acapulco, para pasar por terra ata Veracruz, voltar por mar pola ruta das Indias ata Cádiz, para subir por mar ata as costas galegas. Estas, dixo Rodríguez, son as pezas estrela pola importancia do traballo artesán que teñen, pola antigüidade e o valor que teñen, sendo o mantón máis importante de 1820, cumprindo 200 anos o vindeiro exercicio.

Na última sección están os panos adamascados de seda que se facían nunha fábrica de A Coruña no século XIX para toda España e foron moi utilizados polas mulleres galegas. Con respecto aos homes, moi fachendosos tamén nesta época, só levaban panos debaixo das monteiras e panos de namorar. Estes últimos eran os que as mulleres lles daban aos seus prometidos e lles obrigaban a levalos colgados da faixa ou da faltriqueira para que as outras mozas souberan que ese rapaz xa tiña unha noiva.

Por último, está un pequeno apartado dedicado aos mantóns de Muros, xa que a xente “menos pudiente de alí que non podía mercar os mantóns de Manila nos barcos comezou a bordar, facéndoo cunha delicadeza extrema, en varios obradoiros”. Estes elegantes panos de meiriño bordados eran levados polas muradás sobre os xibóns, alí chamados “belusas” deixando caer as puntas sobre o mantelo ao xeito de garabata.

Deja un comentario