+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019

A Xunta destaca a enorme importancia de incentivar o emprendemento da muller rural coma unha garantía de futuro


Susana López Abella participou no Taller formativo “Igualdade, Liderado e Xestión de Cooperativas”, que tivo lugar na Adega Condes de Albarei

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou a importancia de potenciar o desenvolvemento profesional e o empoderamento das mulleres rurais en todos os ámbitos da actividade económica.

Susana López Abella participou no Taller formativo “Igualdade, Liderado e Xestión de Cooperativas”, que tivo lugar na Adega Condes de Albarei, e onde tamén participaron o xerente de Agaca, Higinio Mougán e a presidenta de Condes de Albarei, Dolores Calvo, onde destacou que mellorar a situación das mulleres rurais significa entender o seu valor, fomentar a súa visualización e empoderamento, apostar pola súa capacidade para emprender e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A titular de Igualdade incidiu na importancia deste obradoiro que ten coma obxectivo o empoderamento e a capacitación para a xestión empresarial das socias ou mulleres vinculadas á cooperativa, dende a perspectiva da igualdade. Polo que destacou que para abordar o reto do emprendemento e fomentar o liderado das mulleres nos órganos de decisión das sociedades cooperativas do sector agroalimentario, é de vital importancia que se aborden temáticas relacionadas co liderado e a xestión das cooperativas.

O papel da muller no ámbito rural é de vital importancia, e por iso, faise necesario visibilizar o seu rol, favorecer as condicións para que superen desigualdades e reforzar a propia conciliación, e así un dos obxectivos que se marca o Goberno galego é o de incentivar o emprendemento orientado á muller rural, xa que é un elemento estratéxico para o crecemento económico e un desenvolvemento pleno e duradeiro do medio rural, xa que constitúe unha garantía de futuro para toda a sociedade. E este proceso pasa por ofrecer á muller un papel máis decisivo.

Finalmente, López Abella incidiu que é absolutamente imprescindible que tanto a incorporación ao traballo da muller rural coma a busca de nichos de riqueza aínda inexplorados, se realicen a partir dunha crecente dinamización e diversificación da economía rural e do seu emprego, nun proceso que encontra os seus mellores actores posibles en mulleres que, cada vez máis preparadas e mellor motivadas, están dispostas a desenvolver fontes de riqueza complementarias ás que a economía rural achega por tradición e natureza.

Polo que dende o goberno galego seguese traballando para potenciar a incorporación das mulleres rurais ás oportunidades do mercado de traballo, e a Administración galega traballa no fomento de novas actividades que permitan unha transformación máis competitiva para o avance do medio rural, xerando así novas oportunidades de emprego, especialmente para as mulleres.

Deja un comentario