+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

LETE LASA DESTACA A IAGO ASPAS COMO “LENDA VIVA DO FÚTBOL GALEGO” NO ACTO OFICIAL NO QUE O CAMPO DO MOAÑA TOMA O NOME DO CAPITÁN DO CELTA


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe a Iago Aspas como “lenda viva do fútbol galego” no acto oficial no que o campo do Club Deportivo Moaña toma o nome do capitán do Celta para pasar a denominarse Iago Aspas Juncal-O Casal.

Nas súas verbas, o mandatario galego lembrou algúns momentos históricos do xogador moañés como o seu debut no Celta en Balaídos, o 6 de xuño de 2009, cando “Iago vestiuse de heroe inesperado para, por dúas veces, poñer por diante ao Celta e asegurar a súa permanencia”. Tamén destacou o momento no que, o pasado 25 de xuño de 2018, Iago conseguía “o segundo gol galego na historia dos Mundiais por detrás do de Amancio en Inglaterra 66”. E así tamén destacou a volta de Iago tras a súa última lesión, o pasado 30 de marzo de 2019, para “marcar un dobrete histórico que lle daba a volta ao partido e conseguía media slavación para o equipo celeste”.

Todos estes momentos non serían entendibles, dixo, “sen a existencia e o traballo dun humilde club dunha localidade de 20.000 habitantes, Moaña”. Lete Lasa destacou a vila pontevedresa por ser “onde naceu a lenda e onde o seu nome quedará gravado para sempre”. “Porque Iago non sería entendible sen Moaña e Moaña non sería entendible sen Iago”, sentenciou.

Deja un comentario