+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A DEPORUTA BTT DE MEIS ORGANIZADA POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


A proba celebrarase o vindeiro 25 de agosto cun percorrido circular de case 42 quilómetros, será totalmente gratuíta e terá un máximo de 300 participantes

As seguintes Deporutas, que se levarán a cabo en setembro e outubro, sairán dende os concellos de Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e Cangas

Dende este luns está aberto o prazo de inscrición para participar na primeira das DepoRutas BTT, que organiza a Deputación de Pontevedra por terceiro ano consecutivo, e que sairá do concello de Meis o próximo 25 de agosto A proba, cun percorrido circular de case 42 quilómetros, iniciarase ás 10:30 horas na Praza de España de Meis e continuará en dirección a San Salvador. Dende alí comezan os ascensos aos montes da Escusa, Arcos e Castrove, onde se poderán observar unhas espectaculares vistas da ría de Arousa. A partir deste punto, as e os participantes irán ata o mosteiro de Armenteira e a subida ao curro da Escuso, dende onde poderán ver a ría de Pontevedra, para acabar regresando ao punto de inicio.
As persoas interesadas en participar nesta ruta deberán ter un mínimo de 16 anos e poderán facelo, de maneira totalmente gratuíta, a través da web www.depo.gal. O prazo pecharase o vindeiro 21 de agosto.
A Deputación de Pontevedra organiza este ano un total de cinco DepoRutas BTT, dúas máis que o ano pasado. Así, as seguintes probas sairán dende os concellos de Silleda, o 15 de setembro; Nigrán, o 29 de setembro; Salceda de Caselas, o 20 de outubro; e Cangas, o 27 de outubro. Esta iniciativa da institución provincial está estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio, tanto da costa como do interior da provincia.

Deja un comentario