+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Remata en Lalín o obradoiro de televisión para a educación en valores con alumnado do IES Laxeiro


Teatrofórum e unha exposición son outras das actividades que continuarán a desenvolverse no marco do proxecto Escolas sen Racismo de ACPP e Agareso

O obradoiro de televisión para a educación en valores promovido pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) remata hoxe no IES Laxeiro (Laxeiro). Esta actividade de educación e comunicación para o desenvolvemento encádrase no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos, e faise pública na xornada previa ao Día Mundial da Xustiza Social, que se conmemora mañá venres.

A derradeira sesión audiovisual desenvolverase esta tarde de 17 a 18.30 horas e consistirá nunha gravación sobre a conservación do medio natural na propia fraga. As e os participantes xa realizaron diversas reportaxes sobre protección animal, cooperativismo ou comercio xusto e consumo responsable, que se unirán nun programa final. As rapazas e rapaces interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.

Ao longo do obradoiro, que se prolongou durante doce semanas, o alumnado aprendeu sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquiriu pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese así a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir no blog www.agareso.org/esr.

O centro está a acoller outras actividades do programa Escolas sen Racismo, como é a exposición ‘Mira Ti’, coa que se traballa contra os prexuízos e a discriminación, ou o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución terá que representar o alumnado, favorecendo así a empatía e autoestima. Para valorar a interiorización dos contidos de todas estas propostas empregarase o chamado Test de Tolerancia, unha enquisa na que se expoñen situacións de discriminación con varias respostas alternativas.

A iniciativa Escolas sen Racismo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, desenvólvese neste curso en doce centros educativos nos que se traballa con variadas metodoloxías para fomentar a solidariedade e a igualdade.

Deja un comentario