+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA DESTACA A MIRADA “GLOBAL, SOLIDARIA, E DE APOSTA POLAS MULLERES E Á SUSTENTABILIDADE” DO FESTIVAL REVENIDAS DE VILAXOÁN


A nova cita dos #FestivaisRíasBaixas celebrarase do 9 ao 11 de agosto e a Deputación volverá desenvolver as campañas de igualdade e sustentabilidade

O festival acollerá o día 10 unha sardiñada popular, no marco da campaña “Fame de experiencias” da institución provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe ao Festival Revenidas como “a cita dos #FestivaisRíasBaixas que está máis vinculada ao territorio e que ten máis en conta a traxectoria vital e histórica de Vilaxoán”. Na presentación do evento, que tivo lugar no parque Doña Concha, Silva subliñou de forma especial “a mirada global, solidaria, de aposta polo 52% da poboación que somos as mulleres e pola sustentabilidade” que volve ofrecer Revenidas na organización e programación na súa décimo sexta edición, que terá lugar do 9 ao 11 de agosto.

“Revenidas é un deses festivais que aposta moi seriamente polo papel que as mulleres teñen que xogar en todos os eidos e en Vilaxoán non podería ser doutra forma, porque Vilaxoán está construído con nome de muller”, sinalou Silva, quen lembrou que a participación feminina está moi presente tanto na organización como na presencia de mulleres nos grupos que participarán no festival. Amais deste compromiso, a presidenta provincial incidiu tamén na vertente solidaria da cita, que inclúe a Gala de Circo Solidaria o día 10, “e o apoio ás refuxiadas e aos refuxiados”. “Vilaxoán mira cara ao mundo, onde hai persoas que teñen que fuxir porque están pasando situacións realmente dramáticas –indicou-. Cousa obrigada para as Administracións, e por iso a Administración está moi implicada e desenvolve un proxecto con Unicef para garantir a educación e sanidade nos campamentos de refuxiados”.

A Deputación estará este ano moi presente en Revenidas. Neste senso, o día 10 se celebrará a sardiñada popular que se enmarca na campaña “Fame de experiencias” e na que se prevén repartir 1.000 quilos de peixe. Pero ademais, a institución provincial volverá levar á Vilaxoán as súas campañas de igualdade de sustentabilidade. “Estamos presentes en todo o que ten que ver coa prevención do acoso e as agresións sexuais e na loita contra os plásticos e as cabichas que fan tanto dano ao noso marabilloso Océano Atlántico”, sinalou Silva, que aproveitou para destacar o apoio entre administracións. Neste caso, lembrou que a Deputación xa aglutinou nos Festivais Rías Baixas hai catro anos e a Xunta sumouse coa promoción global destes eventos en Galicia hai dous: “Ter unha imaxe conxunta da industria musical é fundamental, pero ademais nos estamos sumando a eses novos valores que son fundamentais cada vez máis reclama a xente, que é a conciencia social”, indicou.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a mestura de “tradición e modernidade” que ao longo de todas as súas edicións mantén este festival. “Poucos festivais están tan ligados ao territorio como este; non se entendería Revenidas sen Vilaxoán nen Vilaxoán sen Revenidas” e neste senso destacou a programación que, ademais dos concertos, inclúe gastronomía e solidariedade. Por parte da organización, Xoán Quintáns destacou as máis de corenta propostas artísticas, entre elas a nivel internacional a de Gogol Bordello, “para Rolling Stone un dos quince mellores directos do mundo” e cuxo cantante, refuxiouse en Estados Unidos tras o desastre de Chernóbil.

O Festival Revenidas comezará o 9 de agosto cos concertos de Desakato, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Erin, Tribade, Flow do Toxo e Ferromona DJ. O día 10 actuarán Os Terrribles de Arousa, Brassica Rapa, Thomas Dylan & Balea, Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebelióm do Inframundo, Valira, El Niño de la Hipoteca, TNT e Dj Plan B. E, por último, na derradeira xornada están previstos os concertos de Carolina Rubirosa, Dakidarría (acústico), Gogol Bordello, Nao, Doctor Krapula, Gambeat, Los Jinetes del Trópico, Bastards on Parade, Leo Arremecághona, Chocolate Remix o La Duendeneta.

Deja un comentario