+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MENSAXE CONTRA AS AGRESIÓNS SEXUAIS E DA LOITA CONTRA OS PLÁSTICOS DA DEPUTACIÓN, PROTAGONISTAS DO ATLANTIC FEST E DO SINSAL


As axentes de igualdade da campaña ‘Lembra! Eu decido, ti respectas’ e ‘Conta comigo, eu respéctote’ repartiron milleiros de exemplares do material informativo

Esgotáronse as reservas de imáns e bolsas de tea dos stands de ‘Experiencias SOStibles’, a acción da Deputación contra o uso indiscriminado de plásticos

A Deputación de Pontevedra estivo presente esta pasada fin de semana por partida dobre nos #FestivaisRíasBaixas coas súas campañas de concienciación medioambiental e contra as agresións sexuais, ao ter coincidido as datas dos festivais Atlantic Fest, na Illa de Arousa, e Sinsal SON Estrella Galicia, na illa redondelá de San Simón. O balance das campañas foi moi positivo xa que, extrapolando só os datos de impacto das campañas de igualdade, a mensaxe da Deputación impactou en máis da metade do público total destes dous festivais a través dos puntos informativos de “Lembra! Eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote”. Ademais, o persoal do punto informativo de “Experiencias SOStibles” repartiu milleiros de materiais informativos e alternativas sustentables aos obxectos de plástico dun só uso.
A Deputación de Pontevedra levou o seu punto informativo das campañas de igualdade “Lembra! Eu decido, ti respectas” e “Conta comigo, eu respéctote” ao Atlantic Fest a tarde do sábado, en horario de 16:00 a 21:00 horas (condicionado polas choivas esporádicas cara ao mediodía). A campaña chegou a preto de 3.000 persoas, 1.455 mulleres e 1.230 homes, o que supón o 50% do aforo total do festival, para o que se puxeron á venda 5.000 abonos (esgotados). O persoal, composto por 5 axentes de igualdade, repartiu máis de 2.000 guías informativas, máis de 1.100 sombreiros, 2.000 pulseiras e 200 adhesivos. As axentes de igualdade salientaron o enorme interese espertado no stand, ao que se achegou público de todas as idades e de distintos sectores, entre elas un mozo pertencente a unha asociación asturiana de saúde mental que levou consigo material para repartir entre os usuarios e usuarias da entidade.
No caso do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, a equipa formada por 4 axentes de igualdade estivo presente na xornada do domingo, en horario de 12:00 a 16:30 horas. Neste caso, as axentes atenderon a máis de 500 persoas, en sintonía coa porcentaxe de público atendido no Atlantic Fest xa que o aforo do Sinsal está limitado a 800 persoas por día. Esgotáronse todas as guías informativas dirixidas a mulleres e só quedaron 50 exemplares das dirixidas aos homes (un total de 750), repartíronse preto de 400 sombreiros e esgotáronse as pulseiras (450). Entre os perfís do público que se achegou ao punto informativo, cómpre salientar unha psicóloga que xa empregaba as guías informativas no seu despacho e unha profesora que levou material para repartir entre o seu alumnado.
No marco da campaña de sustentabilidade “Experiencias SOStibles”, a Deputación de Pontevedra tamén tivo unha importante repercusión entre o público dos #FestivaisRíasBaixas para espallar a súa mensaxe de concienciación contra o uso indiscriminado de obxectos de plástico. Deste xeito, o persoal repartiu en total a pasada fin de semana 600 imáns (300 no Atlantic Fest e outros 300 no Sinsal), 200 bolsas de tea (100 bolsas en cada un), 1.600 eco-cabichas (1.200 no Atlantic Fest e 400 no Sinsal) e preto de 3.000 folletos informativos (2.100 no Atlantic Fest e 800 no Sinsal). No caso das bolsas de tea e dos imáns, esgotáronse todas as reservas de material coas que contaba o persoal que atendeu os puntos informativos.
“Lembra! Eu decido, ti respectas” naceu en 2017 como unha campaña de concienciación contra as agresións sexuais en cita e por submisión química, ante o incremento de ataques contra a liberdade sexual das mulleres especialmente en eventos con grande asistencia de público. A campaña sensibiliza, conciencia, informa e pon de manifesto o que é a violencia sexual implicando ás persoas que reciben a información e instándoas a espallar a mensaxe con reparto de material e difusión a través de redes sociais. Desde 2018, a Deputación de Pontevedra leva a cabo paralelamente a campaña “Conta comigo, eu respéctote” que dá un paso máis cara á implicación dos homes, posicionándoos directamente en contra das condutas sexistas e fronte aos agresores.
Pola súa banda, “Experiencias SOStibles” é a campaña de sensibilización e concienciación co obxectivo de eliminar o uso dos plásticos e as consecuencias que teñen no medio ambiente e na saúde das persoas. O stand destas accións reparte información sobre os efectos dos plásticos nos espazos costeiros e fluviais, os riscos para a saúde dos plásticos que forman parte da vida diaria, e promove a substitución das bolsas que se usan habitualmente por bolsas de tea reutilizables, así como vasos compostables e seguros para a saúde elaborados con fécula de millo e pataca.

Deja un comentario