+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

A XUNTA COLABORA CON ACADAR NUN PROGRAMA DE ATENCIÓN ESPECIALIZADO PARA MULLERES CON DISCAPACIDADE DO RURAL


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Vila de Cruces unha das actividades que forman parte do programa ‘Enrédate’

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Vila de Cruces unha das actividades que se están a realizar no marco do programa Enrédate, dirixido á atención especializada das mulleres con discapacidade que viven no rural.

A Xunta financia esta iniciativa, impulsada pola asociación Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), co obxectivo de potenciar a autonomía e promover a igualdade entre este colectivo especialmente vulnerable pola súa dobre condición de mulleres e persoas con discapacidade; e por habitar en zonas pouco poboadas que condicionan o seu desenvolvemento persoal e social.

A través de Enrédate preténdese prestar un servizo de atención personalizada a aproximadamente 45 mulleres con discapacidade que viven en Camariñas, Fisterra, Vila de Cruces, Porto do Son, e A Cañiza. Ademais das actividades individualizadas prestadas por un equipo multidisciplinar, tamén se promoven actividades grupais para reforzar as redes de apoio e participación entre as propias participantes.

Entre outras accións, as beneficiarias do programa reciben información sobre recursos dispoñibles; fórmanse en estratexias para recuperar ou adquirir habilidades persoais ou sociais; teñen á súa disposición a atención e intervención profesional de traballadores sociais, incluíndo a derivación, de ser o caso, a outros servizos; e contan con atención especializada sobre a súa saúde e benestar psicolóxico, fomentando estados de ánimo positivos e mellorando a autoestima.

 

Deja un comentario