+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

Rueda anuncia un investimento de 11 millóns en catro anos no transporte metropolitano de Vigo, con aforros dun 50 por cento para os usuarios


Precisa que este plan incorpora a doce concellos da área metropolitana de Vigo: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan de transporte metropolitano de Vigo, que prevé un investimento de 11 millóns de euros en catro anos, con aforros dun 50 por cento para os usuarios. Segundo precisou, este plan incorpora a doce concellos da área metropolitana de Vigo: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

Como peculiaridade respecto a outros plans de transporte metropolitano xa aprobados en Galicia, Rueda precisou que o aprobado hoxe inclúe distintos modos de transporte como o autobús ou o barco, fomentando así a intermodalidade. E, no tocante ao investimento, subliñou que a Xunta incrementou a partida para os diferentes plans metropolitanos de transporte nun 42,5 por cento respecto ao ano anterior. Así, só no caso de Vigo está previsto un investimento de 11 millóns de euros nos vindeiros catro anos, dos que 9,2 millóns -o 80% do total- son aportados pola Xunta, ademais de asumir tamén a totalidade dos transbordos, a bonificación por recorrencia e os descontos para familias numerosas.

O vicepresidente da Xunta afirmou que con esta iniciativa ponse en marcha na área de Vigo un sistema de transporte público coordinado, que se configura como “unha alternativa real e económica ao uso do vehículo particular”. Como indicou, trátase dun modelo que xa funciona do mesmo xeito noutras catro áreas galegas –A Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo- e que permitirá ao case medio millón de habitantes da área de Vigo acadar “descontos de ata o 50% nos seus desprazamentos”.

Deja un comentario