+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O PROGRAMA MUSIGAL DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, CHEGA CON “ARDENTÍA” AO FESTIVAL DE FOLK DE FORNELOS


O Festival deste sábado 3 de agosto, tamén contará coa actuación de “Volta e dálle”, financiada ao abeiro de “Pontegal”

Este sábado 3 de agosto a música de “Ardentía” chegará a Fornelos de Montes grazas a “Musigal 2019”, o programa cultural da Deputación de Pontevedra. En concreto, esta actuación terá lugar ao abeiro da XX edición do Festival de Folk, na praia fluvial da vila. “Ardentía” é un grupo de música tradicional galega nado en 1990 en Vigo. A agrupación destaca pola incorporación na súa música, e nos seus concertos, dunha serie de instrumentos que non adoitaban estar presentes nas formacións de música folk galega coma birimbau, clarinete ou requinta.

Tamén de cara á XX edición do Festival de Folk a Deputación de Pontevedra financia a actuación do grupo “Volta e dálle”, nesta ocasión ao abeiro do programa “Pontegal”, co que a institución provincial impulsa e fomenta a cultura popular en lingua galega nas múltiples e variadas expresións artísticas. Podían solicitar a inclusión neste programa bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outras, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.

Pola súa banda o programa “Musigal 2019” naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos. Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller’, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; “Son crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; “Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de música tradicional galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e “Son actual” para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.

Deja un comentario