+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

UNS 200 PARTICIPANTES CERTIFICAN O ÉXITO DA XORNADA DE PIRAGÜISMO ORGANIZADA POLO CONCELLO DA LAMA NO RÍO VERDUGO


Os asistentes, en 6 quendas, participaron nunha nova edición do paseo gratuíto en piragua desde a contorna da praia fluvial da Lama animados polas altas temperaturas

 

Unhas de 200 persoas, repartidas nun total de 6 quendas, participaron nunha nova edición do paseo gratuíto en piragua polo río Verdugo organizado polo Concello da Lama e que contou unha vez máis coa colaboración dos monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa.

As altas temperaturas e un sol radiante animaron aos participantes para sucar o río Verdugo en piragua, unha iniciativa lúdico-formativa para persoas de todas as idades, incluída dentro do plan de actividades do “Verán Cultural” do Concello da Lama.

Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron en 6 quendas corridas desde as 17 horas, para facilitar un acceso máis organizado e equitativo entre as persoas inscritas previamente nesta actividade que tivo que ser aprazada a hoxe xoves polas malas condicións atmosféricas do pasado luns.

Os monitores expuxeron aos participantes os distintos modelos de piragua e diferenzas coas canoas. Tamén as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga. Durante toda a xornada, estiveron presentes os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal quen destacou a importancia deste tipo de actividades que reivindican a relación co medio natural dunha maneira harmónica e respectuosa coa contorna.

A praia fluvial de Ponte Verdugo conta con zona arborizada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas para mellorar o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión que fan deste lugar uno dos preferidos non só dos residentes e visitantes da Lama senón doutros municipios limítrofes.

Este evento é xa unha cita obrigada do verán para os veciños e veciñas da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.

Deja un comentario