+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

A XUNTA ADQUIRE DOUS VEHÍCULOS ANFIBIOS PARA ATENDER EMERXENCIAS EN ZONAS DE DIFÍCIL ACCESO


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe á Estrada para coñecer de primeira man o seu funcionamento

A Xunta vén de adquirir dous vehículos anfibios a motor co obxectivo de atender emerxencias en zonas de difícil acceso. Os novos vehículos poden trasladarse en terra como en auga, en calquera tipo de clima.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe á Estrada para coñecer de primeira man o funcionamento destes vehículos, idóneos como apoio loxístico naquelas situacións onde son precisos sistemas de transporte polivalentes. Polo de agora, estes quads estarán a disposición do Grupo de Apoio Loxístico (Gali).

Son os primeiros vehículos destas características que se dedican en Galicia á atención ás emerxencias, e forman parte dos poucos que están habilitados para este fin en todo o territorio español.

Deste xeito, a Administración autonómica segue dotándose de novos recursos para a atención das emerxencias. Só neste ano, a Xunta dedicará case 4 millóns de euros para adquirir equipamento para os distintos servizos de emerxencias.

O Goberno galego está a facer un importante esforzo nos últimos anos para mellorar o sistema de emerxencias. Entre outras cousas, colabora no equipamento dos servizos municipais dos concellos; financia o mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES); puxo en marcha un innovador Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, o CIAE 112; e mantén unha importante aposta pola formación actualizada a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Deja un comentario