+034 986 09 02 04 Venres 25 de Setembro de 2020

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA VOLVE LEVAR A SÚA CAMPAÑA DE IGUALDADE PARA PREVIR AGRESIÓNS SEXUAIS AO FESTIVAL REVENIDAS


O Servizo de Igualdade deu a coñecer as novidades da iniciativa #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS #CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE e fixo balance da pasada edición nun encontro con persoal da corporación e do Concello

A Deputación tamén desenvolverá a súa campaña “Experiencias Sostibles” de loita contra os plásticos, cun stand o día 10 de agosto

A Deputación de Pontevedra volverá levar esta vindeira fin de semana a súa campaña de igualdade #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS #CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE para previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química ao Festival Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía, un dos sete eventos do verán que conforman os Festivais Rías Baixas e que se desenvolverá do 9 ao 11 de agosto.

Co obxectivo de amosar as novidades desta nova edición e o plan de traballo, así como para presentar o balance da pasada edición da campaña neste festival, as técnicas de Igualdade da Deputación mantiveron hoxe un encontro coa concelleira de Igualdade, Tania García Sanmartín, e a técnica do CIM, Loli Maquieira, no Concello de Vilagarcía.

A institución provincial instalará un punto de información o sábado 10 de agosto, desde as 12 ás 18 horas (coincidindo coa sardiñada popular), con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos da campaña. #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS vai dirixida tanto aos mozos como as mozas, con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra os devanditos tipos de agresión sexual e nos que se amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Outros materiais (sombreiros, tarxetas, adhesivos e pulseiras) complementan a campaña e, como novidade, este ano se repartirán guías en castelán, recollendo así as suxestións do público da pasada edición que proviña doutras comunidades autónomas. No stand darase tamén información sobre o CIM de Vilagarcía, para que as mulleres que se acerquen coñezan os seus servizos e localización.

O pasado ano, polo stand da Deputación pasaron mil persoas, do total de 8.000 que foron atendidas no marco desta campaña de igualdade nos sete festivais de verán da provincia pontevedresa. No transcurso da reunión, incidiuse na boa resposta á pasada edición, na que se deu un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña, baixo o lema “CONTA COMIGO EU RESPÉCTOTE”, coa que se pretende que eles amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

Por outra banda, a Deputación tamén levará ao Festival Revenidas a súa campaña “Experiencias Sostibles”, que está a concienciar na loita contra os plásticos e os seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas, e que sucede á desenvolvida o pasado ano, “Somos historias. Somos sostibles”, na que se repartiron 2.750 ecocabichas neste festival. O punto de información estará instalado o sábado, día 10, desde as 13 ás 18 horas.

Deja un comentario