+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Novembro de 2019

A XUNTA DESTACA NA CLAUSURA DO OBRADOIRO “VALMIEMPREGA III” DE VALGA E MORAÑA A IMPORTANCIA DUNHA FORMACIÓN ESPECIALIZADA QUE FACILITE O ACCESO AO MERCADO LABORAL


A secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, participou hoxe na clausura desta iniciativa na que se fomraron un total de 20 alumnos en Albanelería e Aproveitamento Forestal
A secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, foi esta mañá a encargada de clausurar o obradoiro de emprego dual agrupado dos concellos de Valga e Moraña centrado en albanelería e aproveitamento forestal. A administración autonómica aportou 288.807 euros para poder desenvolver esta iniciativa.

A secretaria territorial estivo acompañado polos alcaldes de ambos municipios, Luisa Piñeiro e José María Bello Janeiro. O obradoiro “Valmiemprega III”, formou a 20 alumnos en Fábricas de Albanelería e Aproveitamento Forestal e Mellora de Montes.
Ana Ortiz recordou que este tipo de iniciativas teñen “un obxectivo claro: dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. De feito, esta é a labor que estes dous concellos están a levar a cabo grazas a estes obradoiros nos que se investiron, nos últimos anos, 750.000 euros para formar a 60 veciños de ambos concellos”.
Os alumnos aproveitaron a súa formación para levar a cabo durante este curso prácticas coas que se puideron rehabilitar edificios municipais de ambos concellos, lavadoiros e fontes, así como se melloraron forestalmente varios tramos do camiño portugués.
Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a secretaria territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu Ana Ortiz.

En total desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros na provincia, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros rondou os 6,4 millóns de euros.

Compre lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos cales 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Deja un comentario