+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O CONCELLO ACOMETE A AMPLIACIÓN E MELLORA DO FIRME DO CAMPO DA FESTA DE PAZOS DE BORELA


Cubela enmarca a actuación no plan de investimentos desta zona e indica que estará lista para as festas patronais desta fin de semana

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer a ampliación e a mellora do firme do campo da festa de Pazos de Borela co obxectivo de dotar de maior superficie a este espazo de lecer e atender unha demanda dos veciños. Os traballos están a intensificarse ao longo desta semana e agárdase que queden rematados no día de hoxe para que o novo campo poida ser empregado a pleno rendemento esta fin de semana co gallo das festas patronais de San Roque e San Antón.

Esta actuación consiste no ensanchamento da superficie do campo da festa, a súa nova delimitación a través da construción de muros de pedra de baixa altura e a renovación integral de todo o firme, que se está dotando de zahorra coa súa posterior compactación e nivelación.

Así mesmo, o Concello tamén está procedendo a desbrozar, de xeito manual e a través da brigada de Obras, todos os camiños e pistas da contorna de Pazos de Borela, seguindo deste xeito o cronograma habitual de cada verán, que sinala que estas limpezas vanse desenvolvendo de xeito previo ás festas patronais de cada parroquia ou lugar.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que se achegou ata Pazos para comprobar o avance dos traballos, explicou que esta ampliación do campo da festa “foi unha demanda dos veciños que atendemos gustosamente porque era necesaria e razoable e se enmarca no plan de investimentos desta zona de Borela”. Neste senso, lembrou que nos últimos tempos en Pazo s construiuse un parque infantil para dar resposta ás necesidades de lecer dos cativos e tamén se procedeu ao arranzo de varios camiños e pistas, ao formigonado de cunetas e á construción dun novo depósito de augas.

Deja un comentario