+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

CUBELA GARANTE APOIO EN SINALIZACIÓN E PROMOCIÓN PARA A VÍA MARIANA COMO GRAN RUTA ARRIEIRA ENTRE PORTUGAL E GALICIA


Preto de cincuenta peregrinos, acompañados de catro carros tirados por burros, chegan á Carballeira de San Xusto na penúltima etapa

O Concello de Cerdedo-Cotobade acolleu na xornada de hoxe a presentación da Vía Mariana Luso Galaica, que une Braga con Muxía pasando por Santiago, cunha gran peregrinación que partiu de Campo Lameiro e percorreu gran parte das parroquias de San Xurxo e Santa María de Sacos para finalizar na emblemática Carballeira de San Xusto. Esta gran camiñada, a penúltima das dez programadas para dar a coñecer esta ruta, contou coa participación de medio cento de peregrinos e de catro carros tirados por burros.

Á súa chegada ao San Xusto, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recibiu ao convoi e estivo a departir cos seus participantes, así como con Luis do Freixo, o seu gran promotor, e co resto de organizadores. Na súa alocución, na que tamén estivo acompañado polo rexedor de Campo Lameiro, Carlos Costa, Cubela garantíu o necesario apoio do goberno local en materia de sinalización e promoción “ para seguir consolidando e facendo medrar esta Vía Mariana como a gran ruta arrieira entre Portugal e Galicia”.

“Cremos que se trata dunha gran iniciativa, xa que serve para recuperar a historia, o patrimonio e a cultura propios do noso pasado e ademais é importante como novo atractivo turístico unindo aspectos relixiosos e tradicionais e a fortaleza do sendeirismo, do medio ambiente e da paisaxe do noso concello e dos demais polos que discorre esta ruta”, aseverou.

Cómpre sinalar que a Vía Mariana Luso Galaica conta cun gran peso no territorio de Cerdedo- Cotobade, xa que conta con varios puntos de referenza da mesma, como tamén é o caso da igrexa de Augasantas, onde rematou outra etapa desta peregrinación de presentación a pasada fin de semana.

Deja un comentario