+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

CUBELA FIXA O REMATE COMPLETO DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN INTEGRAL DA CHAN PARA O MES DE OUTUBRO


O proxecto, no que se invisten 450.000 euros incluíndo a consecución do terreo, creará 55 prazas de estacionamento fronte ao centro médico

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, estivo a supervisar as obras do ambicioso proxecto de humanización integral do núcleo da Chan –a terceira fase da reforma urbana da capital tras as acometidas na Praza do Concello e a travesía– e fixou o seu remate completo para comezos do mes de outubro. O proxecto consiste no ensanchamento de beirarrúas, a creación de grandes espazos para os veciños, a mellora estética da praza e da contorna da capela de San Roque e a creación dun gran aparcadoiro público e gratuíto.

“As obras comezaron cos traballos previos, de zanxas e de asentamento, que son os máis farragosos e os que menos se ven, e logo discorreron a modo para respectar o cronograma previsto e non ter levantada toda a vila nas Festas de San Roque previstas para esta fin de semana”, indicou o rexedor, que engadiu que se a obra estivera na súa recta final “habería actos que se poderían ver afectados e non queriamos que unha mellora tan importante deslocera as celebracións patronais nas que tanto traballan a comisión e os veciños ao longo de todo o ano”.

Esta actuación, que sofreu un longo proceso administrativo pola necesidade de acometer unha modificación urbanística, conta cun investimento de 450.000 euros –incluíndo a consecución dos terreos por parte do Concello– e consiste no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de grandes espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.

Así mesmo, e nunha zona entre a Praza da Chan e o consistorio, estase creando, tamén ao abeiro deste investimento, un gran aparcadoiro público, ao aire libre e gratuíto con capacidade para o estacionamento de 55 vehículos que dará cobertura ás demandas e necesidades dos veciños. De feito, este espazo é o que se atopa máis avanzado, xa moi próximo á súa conclusión, posto que se trata dunha zona na que non hai actos festivos do San Roque.

Deja un comentario